Skip to main content
Monforte

Arredor de 140 persoas inscribíronse nas rutas guiadas pola zona xudía de Monforte

As dúas visitas guiadas e gratuítas á zona de ámbito xudeu de Monforte, que tiveron lugar na xornada do domingo, ás 11.30 e ás 18.00 horas foron todo un éxito, segundo o goberno local de Monforte.

Así, din que do total de 100 prazas ofertadas (50 por quenda), finalmente foron un total de 140 inscritos (70 por quenda), que foron integrados en cada unha das visitas, dado que foron desenvoltas en zonas exteriores, sen problemas de aforo, e debido o enorme interese suscitado.

As visitas, que foron comentadas por Felipe Aira, enmárcase dentro das actividades arredor da Xornada Europea da Cultura Xudía, e intégranse dentro do programa do Verán Cultural organizado polo Equipo de Goberno do Concello monfortino.

Asociación Red de Juderías de España-Caminos de Sefarad

Monforte de Lemos pertence, xunto con outras 20 poboacións de España, á Asociación “Red de Juderías de España-Caminos de Sefarad”, o cal representa un recoñecemento ó seu rico pasado medieval e en particular á pegada hebrea no mesmo.

Pertencer a esta asociación supón contar con actividades que permiten a divulgación do patrimonio histórico e artístico da cidade. Este ano 2023, Monforte de Lemos preside a Red de Juderías de España.

A temática da Xornada Europea da Cultura Xudía proposta pola Red de Juderías para este ano 2023 ven impulsado pola Asociación Europea para la Preservación y Promoción de la Cultura y el Patrimonio Judíos e o fai baixo o lema “Memoria”, chave colectiva e individual que mantén e transmite a cultura xudía ó longo dos séculos.