Skip to main content
Monforte

A nova EDAR do polígono do Reboredo de Monforte construirase a partir de 2024

Por 26 Setembro, 2023Sin comentarios

O proxecto construtivo prevé a demolición da EDAR existente e a construción dunha nova, que non necesitará de terreos privados xa que se construirá nunha parcela de titularidade municipal no polígono contigua onde sitúase a actual.

Os primeiros pasos para construír a nova EDAR do polígono Reboredo de Monforte foron anunciados polo alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga. Estes consistirán na expropiación dos terreos para a instalación da tubaxe de vertido das futuras augas residuais que irán entubadas e verterán no río Cabe á altura de Piñeira.

Trátase dun acordo de urxente ocupación dos terreos afectados por estas obras que se executarán no polígono Industrial do Reboredo, acordo que foi aprobado polo Consello de Ministros o pasado 5 de setembro, e que será publicado nos vindeiros días no BOE.

Antecedentes

O pasado día 20 de marzo, asinouse o Convenio entre o Concello de Monforte e a CHMS, por importe de 4,6 millóns de euros para a construción dunha nova depuradora modular do Polígono do Reboredo, “un convenio que ten vixencia dende 2023 ata 2026, ano no que entrará en servizo a nova depuradora, segundo as necesidades de depuración” indicou o rexedor monfortino.

Dos 4,6 millóns de euros de investimento para esta nova depuradora, que dará resposta á crecente demanda de terreo industrial deste polígono, a C.H. Miño-Sil aporta 3.910.000 euros e o Concello de Monforte, 690.000 euros.

“A xestión desta nova depuradora foi un empeño persoal deste alcalde, para que poida crecer o polígono e tamén para mellorar a calidade da depuración actual e arranxar o problema do regato do Carballo, que se ten convertido nun problema medioambiental”, defendeu o rexedor monfortino.

Inicio do proxecto

José Antonio Quiroga salientou que “agora si podemos poñer datas ao inicio do proxecto da nova EDAR”. O presidente da CHMS explicou que o trámite de expropiación finalizará en 5 meses e prevese a adxudicación das obras no primeiro trimestre de 2024. A expropiación afectará a terreos de 22 propietarios, que unha vez rematen as obras recuperarán os seus terreos tal e como estaban antes da ocupación temporal.

No mes de octubre está previsto a publicación desta expropiación forzosa, urxente e temporal, que será publicada nos organismos oficiais, así coma nos medios de comunicación, sendo tamén informados os propietarios dos terreos afectados.

Construirase así unha nova EDAR no polígono do Reboredo, e un emisario de 1,5 km que verterá ó río Cabe. A nova EDAR estará deseñada para 1.000 m3/día e dará servizo 8.342 habitantes equivalentes.

Problemática actual

O polígono de Reboredo conta cunha EDAR que dispón dunha autorización de vertedura para 720 m³/d que, polas previsións actuais de ampliación e maior ocupación, fan que as infraestruturas de saneamento existentes presenten distintos problemas que fan inviable a instalación de novas industrias.

Entre outros problemas, a EDAR actual non pode garantir un tratamento adecuado en canto a cargas e caudais xerados no polígono, ao ser deseñada para uns obxectivos de vertedura pouca rigorosos que non resultan autorizables na actualidade.

Por outra banda, o punto de vertedura autorizada está situado no regato do Carballo, que polo seu escaso caudal provoca un forte impacto no seu réxime hidrolóxico e na calidade das súas augas.

Características da nova depuradora

A EDAR proxectada solucionará a problemática descrita, pensando ademais nunha futura ampliación. O proxecto construtivo prevé a demolición da EDAR existente e a construción dunha nova, que non necesitará de terreos privados xa que se construirá nunha parcela de titularidade municipal no polígono contigua onde sitúase a actual.

Estará deseñada para 1.000 m3/día e dará servizo 8.342 habitantes equivalentes e executarase unha condución de desaugadoiro (emisario) desde a nova EDAR ao Río Cabe de máis de 1,5 km de lonxitude.

Para a execución das obras do emisario será necesaria a expropiación de terreos de titularidade privada que levará a cabo a CHMS, para os que se requiriu a urxente ocupación.

A nova EDAR deseñouse con dúas liñas construídas, coa posibilidade de ampliación mediante a futura de construción doutra liña de tratamento, nun espazo reservado na parcela onde se constrúe; podendo dispoñer dun terceiro reactor biolóxico máis un terceiro decantador secundario. O pretratamento e liña de lodos xa quedan deseñados para acoller o caudal previsto coa ampliación.

“A nova depuradora”, explicou o alcalde “terá capacidade para depurar o actual polígono completo e tamén ás ampliacións que temos en marcha, incluso se duplicáramos o polígono que hai neste momento”.

Futuro

Vaise construír con dúas características moi importantes e previsoras para o futuro: vai poder funcionar por módulos para que a calidade da depuración sexa a correcta, establecida nos parámetros que marca a lei e vai ter posibilidade de ampliación, xa que estará dispoñible a parcela que ocupa a actual depuradora que son colindantes.

“Con esta obra tamén se vai mellorar moito o medio ambiente, xa que as augas depuradas vanse entubar dende a saída da depuradora do polígono, ata a depuradora de Piñeira, sen ningún vertido, o que significa que o regato do Carballo volverá a ter vida, recuperando o seu estado orixinal”, salientou José Tomé.

Unha vez rematadas as obras, serán recibidas polo Concello que se encargará do seu mantemento no futuro.