Skip to main content
Cultura SARRIAXADeportes SARRIAXASarria

Álex Camba, campión de taekwondo: “Sarria paréceme un lugar moi bo para continuar coa cultura do taekwondo”

Por 17 Setembro, 2023Setembro 18th, 2023Sin comentarios

Falamos con Alejandro Losada Rodríguez, ou tamén coñecido como Álex Camba, campión de España de Taekwondo de 24 anos que vén de poñer en marcha un club deportivo dese deporte en Sarria.

Cantos anos leva dedicado ao taekwondo e como xurdiu o seu amor por este deporte?

Levo desde os sete anos practicando taekwondo no club Neka de Monforte, xa que eu son desa cidade e é  club co que compito actualmente.

A miña paixón por este deporte vén desde que teño uso de razón, xa que me encantaba de pequeno ver películas de Bruce Lee ou Jackie Chan cos meus pais en casa ata que atopei este deporte.

En 2020 foi considerado un dos mellores profesionais deste deporte a nivel mundial, como lle fai sentir esa consideración?

En 2020 logrei a oitava praza no mundial en liña que me deu puntos para estar entre os 30 primeiros da clasificación mundial. Para min, estar entre os mellores, a parte dun orgullo é unha motivación extra para seguir adestrando.

Cal é o premio do que máis orgulloso se sente?

Do que máis orgulloso me sinto é do meu ouro en categoría absoluta en 2020, o meu primeiro ouro nacional a nivel individual, xa que conseguín gañar a un dos meus maiores rivais e ídolos, Álex Marín, ata entón nove veces seguidas Campión de España. que tamén son rivais. Todos eles motívanme e axúdanme a mellorar.

Cal foi o enfrontamento máis duro nos que estiveras e contra quen?

Hai moitos rivais duros que me puxeron, en diferentes momentos, as competicións moi difíciles. Quedaríame con Álex Marín, Álex Losada de Vigo e un compañeiro de selección, Tomas Fernández , ou mesmo os meus compañeiros de club,

En que se basea o taekwondo a nivel técnico, pero tamén de valores?

O taekwondo, como di o meu adestrador, é o control absoluto do corpo e da mente. A maiores de ser unha modalidade deportiva, é un estilo de vida que achega infinidade de valores e aprendizaxes a aqueles que o practican.

Pódese resumir en que se basea nunha educación en valores que axuda a desenvolver ás persoas no ámbito físico, persoal e social.

Que lle impulsou a poñer en marcha un centro deportivo de taekwondo en Sarria?

Acabo de terminar a carreira de Ciencias en Actividade Física e Deporte e sempre foi algo que tiven en mente; era cuestión de tempo que pasase e, ao final, tras meditalo un tempo, sucedeu.

Está en Sarria porque hai anos xa había cultura de taekwondo, que se perdeu cando pechou o anterior club, e paréceme un lugar moi bo para continuar con esa cultura do taekwondo e tentar explotala aínda máis e ofrecer unha variedade nova de deporte na zona.

Como cre que vai ser o primeiro curso?

Atópome con moitas ganas e moi motivado. Hai persoas que xa se achegaron a preguntar e mesmo algunhas que xa se apuntaron, polo son bastante optimista con este primeiro curso na escola e teño moitas ganas.

Que tipo de actividades levaranse a cabo cos diferentes tipos de alumnos?

Na escola desenvolveremos o taekwondo en todas as súas modalidades: combate, técnica, freestyle e exhibición. Ademais, cos máis pequenos traballaremos contidos de psicomotricidade para que aprendan a moverse e a gozar da actividade física; e cos adultos, contidos relacionados coa mellora da condición física a través do taekwondo. Tamén temos clases específicas e orientadas á competición.

Falando dos nenos, que beneficios ten o taekwondo para eles?

O taekwondo é unha arte marcial e un deporte boísimo para o desenvolvemento psicomotor en nenos e nenas de diferentes idades, que achega infinidade de valores, que permite facer amigos e vivir incontables momentos.

Creo que é unha oportunidade moi boa para que as nenas e nenos de Sarria proben unha actividade nova. As portas da escola están abertas para todo o mundo que queira probar esta nova actividade.

Como está sendo a acollida da noticia ata agora?

Ata o de agora foi moi boa, non me esperaba que tanta xente preguntase os primeiros días e estou moi contento, iso motívame moito.