Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Máis de mil peregrinos diarios saíron desde Sarria cara a Santiago de Compostela en agosto

Por 24 Setembro, 2023Setembro 25th, 2023Sin comentarios

Miles de peregrinos percorreron este verán as paisaxes de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín… que se encadran no Camiño Francés co fin de chegar a Santiago de Compostela despois dunha experiencia que moitos queren repetir.

Despois de dous anos seguidos celebrando o Xacobeo, en 2021 e 2022, durante os cales houbo unha grande afluencia de peregrinos polo Camiño de Santiago, había unha gran expectación por como evolucionaba este ano 2023, sobre todo en Semana Santa, pero tamén no verán, xa que é o momento no que as persoas adoitan coller as vacacións e aproveitar para desconectar a través das paisaxes galegas.

Un dos percorridos cara a Santiago de Compostela máis significativos é o Camiño Francés, que percorre os municipios de Triacastela, Samos, Sarria e Paradela da comarca de Sarria e que acolle a miles de peregrinos cada ano.

Desde a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, a través do seu presidente, Jorge López, defenden que este ano o mes de xullo foi un mes “moi frouxo”, xa que houbo moitos menos peregrinos que durante o ano anterior.

Así, explican que cren que as causas poden ter que ver con dous acontecementos. En primeiro lugar, este ano celebrouse a Xornada Mundial da Xuventude en Lisboa entre o 1 e o 6 de agosto, á que acudiu o Papa Francisco. Por ese motivo, moitas persoas decidiron participar dese acto en vez de facer o Camiño de Santiago e outras persoas decidiron facelo, pero polo Camiño Portugués, en vez de elixir o Francés. Por outra parte, tamén está o feito da subida dos custos e o detrimento do nivel adquisitivo das familias.

Por outra banda, si que desde a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago explican que si que houbo moito peregrino estranxeiro durante o mes de xullo, sobre todo mexicano, xa que no país ofertáronse durante o mes de xullo paquetes turísticos que incluían os 100 últimos quilómetros polo Camiño Francés desde Sarria, co fin de ter a compostelana.

Con respecto a agosto, pola súa parte, Jorge López sostén que en agosto houbo unha repunta de peregrinos, tanto nacionais como internacionais, aínda que non se notou a primeira quincena de agosto. “A peregrinación do Camiño de Santiago a través do Camiño Francés este ano foi atrasado”, sostivo. Así, desde o 15 ata finais de agosto e principios de setembro, houbo días moi fortes, como a fin de semana do 26 ao 28 de agosto, días nos que puido haber ata 1.000 persoas saíndo desde Sarria cara a Santiago de Compostela diarias, mentres que na primeira quincena de agosto saían 600 diarias.

Con todo, este non foi un mal ano para o Camiño de Santiago, xa que os datos apuntan a que xa son máis de 315.000 as compostelanas seladas durante este 2023.

Os peregrinos

Miles de peregrinos percorreron este verán as paisaxes de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín… que se encadran no Camiño Francés co fin de chegar a Santiago de Compostela despois dunha experiencia que moitos queren repetir.

Algún peregrino comenta que “é a primeira vez que fago o Camiño, pero estou sentindo unha paz interior tan grande durante estes días, que creo que repetirei máis veces”.

Pero tamén hai quen levar varios anos facéndoo de diversas formas e con diversas compañías porque sostén que “o silencio, a natureza, a espiritualidade, o pensar nun mesmo e desconectar do traballo e da rutina son instrumentos que me serven para seguir adiante o resto do ano”.

Así, concretamente no caso do Camiño Francés, os veciños e veciñas dos pobos que percorre, así como as representantes destes a nivel administrativo, fan todo o posible por ofrecer o mellor da súa localidade para facelos sentir o mellor posible e que queiran repetir.

Tanto os hostaleiros como os cidadáns e o goberno local de Triacastela, Samos, Sarria e Paradela promoven que as súas rúas, estradas, establecementos e zonas de ocio e turismo estean axeitadas para a seguinte tempada na que os peregrinos pasan pola súa vila e deixan parte do seu nivel adquisitivo nela; un momento no que ámbalas dúas partes gañan e se benefician dun evento canónico.

Camiño Francés

O Camiño Francés é o camiño por excelencia e o itinerario xacobeo máis recoñecido internacionalmente e con maior tradición histórica, xa que foi descrito en 1135 no Codex Calixtinus, libro fundamental xacobeo.

O Libro V deste códice constitúe unha guía medieval da peregrinación a Santiago no que se especifican os tramos do Camiño Francés desde terras galas e informa dos santuarios que se atopan na ruta, a hospitalidade, as xentes, a comida, as fontes, os costumes locais etc.

Esta guía, atribuída ao clérigo francés Aymeric Picaud, evidencia o desexo político-relixioso de facer promoción do santuario compostelán e facilitar o acceso ata el. Así, cando se confeccionou este libro, o Camiño Francés e as peregrinacións alcanzaron o seu máximo apoxeo e o Camiño Francés a maior afluencia ata o momento actual.

O Camiño, en todo o seu percorrido, divídese en 36 etapas, que van desde Francia, percorren toda a Meseta de España e chegan pola comarca de Sarria a Santiago de Compostela. Así, as etapas comezan en diferentes localidades, que son Saint-Jean-Pied-de-Port, Roncesvalles, Zubiri, Pamplona, Puente la Reina, Estella, Los Arcos, Logroño, Nájera, Santo Domingo de la Calzada, Belorado, San Juan de Ortega, Burgos, Hornillos del Camino, Castrojeriz, Frómista, Carrión de los Condes, Ledigos, Sahagún, el Burgo Ranero, Mansilla de las Mulas, León, Villadangos del Páramo, Astorga, Rabanal del Camino, Ponferrada, Villafranca del Bierzo, O Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Palas de Rei, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela, onde remata.

Futuro do Camiño Francés

O Camiño Francés seguirá sendo un dos percorridos para realizar o Camiño de Santiago por miles de peregrinos, tanto nacionais como internacionais ao longo dos anos, por iso desde a Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés, cuxa presidenta é Olga Iglesias, alcaldesa de Tricastela, veñen facendo diversas iniciativas para seguir promovendo e mellorando este Camiño e a información que hai del.

En concreto, no pasado mes de agosto presentouse un novo folleto turístico do Camiño Francés que incorpora información de cada concello mediante códigos QR impresos que enlazan coa páxina web da mancomunidade, permitindo unha renovación continua da información sobre aloxamentos, lugares de interese e actividades que se están a desenvolver en cada concello.