Skip to main content
ParadelaSarria

O PP insta a ensanchar a LU-P-5709, entre Sarria e Paradela, para garantir a seguridade

Por 11 Setembro, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo iniciou nestes días o arranxo da estrada LU-P-5709, entre os municipios de Sarria e Paradela, dende o punto quilométrico 5,9 ata o 10,7, uns traballos que están a xerar críticas entre os veciños das zonas afectadas, polo que a vicevoceira do Grupo Provincial Popular, Carmen José López, e o alcalde de Paradela, José Manuel Mato, revisaron os traballos e o proxecto.

Durante a revisión realizada, os populares detectaron como os traballos de arranxo desta vía, que inclúen labores de aglomerado en quente ou limpeza de cunetas, “non arranxarán os problemas de seguridade viaria” xa que non se da solución aos problemas de estreitamento da vía, quedando en moitos puntos cun ancho de menos de 5 metros. “Comprobamos que o arranxo deixa moitos tramos da estrada a 4,55 ou 4,70 metros e tampouco hai melloras de trazado que solucionen os problemas de seguridade. A Deputación nos condena aos usuarios desta vía a seguir circulando por unha vía cunhas características de hai 70 anos”, denunciou a popular.

Recordan os populares que esta vía comezou a renovarse dende o seu punto inicial (na intersección coa estrada autonómica LU-633) ata a ponte de Río Seco, deixando a vía cun ancho de 8 metros, “dotándoa de total seguridade”. Todo baixo o mandato dun goberno do Partido Popular. Pero en 2007, no primeiro mandato de Gómez Besteiro, os deputados socialistas tomaron a decisión de botar por terra o resto do proxecto ao deixar sen efecto as adxudicacións xa realizadas para continuar arranxando esta estrada, coas conseguintes indemnizacións ás empresas adxudicatarias. “Vemos como o Partido Popular quería mellorar a seguridade, pero o que están a facer os diferentes gobernos socialistas unicamente se define como unha chapuza”, lamentan.

A realidade é que “a obra que é insuficiente para dar resposta aos requirimentos da industria e das explotacións e, en xeral da veciñanza, que dinamizan e habitan estes núcleos” xa que, recordan os populares, trátase dunha vía moi empregada por transporte pesado e vehículos agrícolas.

O proxecto que está a desenvolver a Deputación de Lugo deixa un ancho de vía de 4,60 metros, aproximadamente, en moitos puntos, na práctica impedindo que se poidan cruzar dous vehículos, algo do que foron testemuñas os populares. “Comprobamos como dous vehículos agrícolas cruzáronse na vía, tendo que botarse fóra da vía e, un deles, deter a marcha”, explican, para, pouco despois, comprobar os populares como o seu vehículo e un camión non cabían na vía, tendo tamén que botarse ambos fóra.

Por último, sinalan dende o PP que a LU-P-5709 ten a súa importancia, xa que serve parar unir a comarca de Lemos coa comarca de Sarria, ademais de unir dúas estradas autonómicas, a LU-633 e a LU-611.