Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

O colexio de Friol aumenta o seu alumnado un 11% este curso

Por 12 Setembro, 2023Sin comentarios

O centro educativo de Friol deu comezo a un novo curso escolar nas tres etapas educativas que oferta dita institución, é dicir, educación infantil, educación primaria e secundaria. O número total de alumnos e alumnas que cursan estudos no centro friolense neste novo curso que acaba de dar comezo ascende a 231, o que supón un 11% máis de alumnado con respecto ao curso anterior.

“Isto non deixa de ser unha boa noticia no contexto de baixada xeneralizada dentro da contorna rural e urbana que está a sacudir á sociedade actual, motivada en parte polo descenso de natalidade. Así mesmo, tamén é notoria a recepción de alumnado procedente doutros concellos limítrofes incluído de Lugo cidade, nunha clara aposta polo proxecto educativo do CPI Dr. López Suárez de Friol”, explican o seu director, Felipe Barata.

Este engade que o centro educativo consolida o seu proxecto “nunha aposta por adecuar os contidos curriculares á contorna e ás condicións sociais e emocionais do seu alumnado”.

Así, seguindo este principio, o equipo docente optou por ofertar dous novos proxectos interdisciplinares que se engloban dentro do Plan Proxecta e dos Contratos Programa ofertados pola Consellería de Educación (Mestres Gandeiros e Emociona-T), que se suman aos dous xa existentes neste centro e que están relacionados co fomento do deporte e na dispoñibilidade do centro como dinamizador da práctica deportiva non só no centro, senón na contorna no que se insere. Tamén é reseñable a continuidade no plan PLAMBE, que incide no fomento da lectura por parte de alumnado.

Así mesmo, este centro seguirá coa aposta da formación de toda a comunidade educativa a través da consolidada Escola de Pais e Nais que leva dous anos en funcionamento e co Club de Lectura de adultos, que ademais de ofertarse a membros da comunidade, está aberta a toda a poboación do Concello.

O centro realiza numerosas actividades ao longo do curso escolar en colaboración con entidades oficiais como o Concello de Friol ou o GDR, (Grupo de Desenvolvemento Rural da comarca de Lugo) e, ademais tamén ten un papel activo na vida social da localidade a través da colaboración coas entidades sociais, deportivas e culturais do municipio.

Ademais, o CPI Dr. López Suárez oferta unha ampla oferta deportiva xestionada polo propio centro, xa que conta con equipo propio de atletismo, badminton e xadrez, así como tamén colabora activamente coa ANPA do propio centro na realización de actividades conxuntas que repercutan na mellor oferta educativa para o alumnado.

Felipe Barata di, que este crecemento en alumnado débese en parte á oferta educativa de calidade e variada da que dispón o centro e por suposto ao gran equipo humano de profesionais co que conta devandito CPI, ao que agradece de antemán “a súa implicación e apoio constante neste proxecto, dado que o contrario sería moi difícil crecer en datos e consolidalos como está a suceder, así como xerar confianza nos pais e nenos/as que elixen o Centro Escolar de Friol para cursar os seus estudos, aos cales tamén agradece a súa aposta polo CPI de Friol”.