Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

O PSOE pregunta no Parlamento polo estado da auga da traída en Outeiro de Rei

Por 24 Setembro, 2023Sin comentarios

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presentou no Parlamento autonómico unha batería de preguntas sobre o proceder da Xunta acerca doutros abastecementos municipais, ademais do de Foz, con problemas de trihalometanos na auga.

Neste sentido, o PSdeG afirma que nas últimas analíticas completas anuais realizadas polo Concello de Outeiro de Rei, do que é Tenente de Alcalde a Xefa Territorial da Consellería de Sanidade, os rexistros deste composto químico foron moi superiores aos permitidos nos anos 2021 e 2022. En concreto, segundo os datos do SINAC –Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo- do Ministerio de Sanidade, que é de acceso público, foron de 132 e 143 respectivamente, cando o parámetro permitido é de 100 microgramos por litro.

Preguntan os socialistas se ten constancia a Consellería de Sanidade doutros abastecementos municipais con estes problemas; nese caso, queren saber se a Xunta requiriu por escrito a eses concellos que informasen á poboación da recomendación de non inxesta da auga por eses valores altos como fixo con Foz, e concretamente, que se fixo no caso de Outeiro de Rei; tamén se a Consellería tomou entón algunha medida para garantir a saúde da veciñanza de Outeiro de Rei.

Explica o Grupo Parlamentario do PSdeG que no caso do Concello de Foz, este mantén a recomendación á cidadanía de non utilizar a auga potabilizada da traída municipal para beber ou preparar alimentos por un valor de trihalometanos –un subproduto da reacción do cloro empregado na potabilización coa materia orgánica presente na auga- en diferentes puntos da rede superior aos valores permitidos.

Destacan que o Concello de Foz actuou en todo momento “de xeito transparente e responsable, informando á poboación e implementando medidas correctoras para resolver o problema”.