Skip to main content
Rábade LUGOXARábade TERRACHÁXA

O Concello de Rábade abre o prazo para inscribirse nas Escolas Deportivas

Por 5 Setembro, 2023Setembro 6th, 2023Sin comentarios

O Goberno local do Concello de Rábade vén de abrir o prazo para anotarse ás escolas deportivas para o curso 2023-2024.

O obxectivo, tal e como destaca a alcaldesa, Remedios González, “é o de impulsar a práctica do deporte e fomentar a socialización e as relacións entre os nenos e nenas e entre os adultos”, polo que anima a participar nesta ampla oferta de actividades.

Para os nenos e nenas, de 4 a 16 anos, ofértanse os seguintes deportes: ximnasia rítmica, tenis de mesa, patinaxe, xadrez, judo, fútbol-sala, balonmán, rugby, atletismo, voleibol, tenis, baloncesto, loita libre e zumba infantil.

No caso das escolas de adultos, ofértanse as seguintes actividades: zumba, tenis de mesa, atletismo, xadrez, tenis, pilates, patinaxe, ximnasia de rehabilitación, ioga, fútbol sala e defensa persoal.

As actividades deportivas levaranse a cabo sempre que haxa un número mínimo de participantes.

As inscrición pódense facer no Departamento de Cultura e Deporte do Concello de Rábade en horario de 09:00 a 14:00 horas ata o 29 de setembro entregando debidamente cumprimentada a inscrición que pode descargarse na web www.concelloderabade.es .

O Concello está aberto a calquera suxestión doutras actividades que non estean reflectidas nas ofertas e que susciten interese.

Prezos

As actividades teñen un custo de 10 euros para os empadroados ou que cursen estudos nos centros educativos de Rábade; 8 euros na segunda e sucesivas. Se son dous irmáns o primeiro paga 10 euros e o segundo 6 euros e as segundas actividades e sucesivas 8 euros. As familias numerosas teñen un desconto do 50% sobre os prezos establecidos.

Para aqueles nenos e nenas non empadroados ou que non cursen estudos nos centros educativos de Rábade o prezo será de 12 euros pola primeira actividade e 10 pola segunda e sucesivas.

As actividades tanto para nenos e nenas como para adultos darán comezo o luns día 2 de outubro.