Skip to main content
Barreiros

A Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero de Barreiros aprobou protocolos de actuación

Por 8 Outubro, 2023Sin comentarios

Barreiros vén de reunir a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero na que traballan, ademais do propio Concello, a Subdelegación do Goberno, a Dirección Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o Garda Civil, os CEIP de San Cosme e San Miguel e a Escola Infantil Municipal , o CIM de Ribadeo, o Xulgado de Paz e Centro de Saúde.

Na xornada quedou aprobado o protocolo de actuación de dita Mesa para abordar situacións relacionadas con violencia machista. A alcaldesa, Ana Ermida, manifestou o “agradecemento a todas as institucións e sectores implicados no funcionamento da mesa e o orgullo de contar cun instrumento deste calado nun Concello coma Barreiros, onde se tecen lazos e se traballa conxuntamente na atención a persoas vítimas de violencia de xénero.”

A rexedora tamén quixo salientar o traballo que se realiza no ámbito da prevención, “facendo especial fincapé na educación e na implicación dos actores educativos para ser capaces de formar desde crianzas no respecto e a educación en igualdade.”

Na mesa abordáronse tamén as actividades realizadas e as previstas como instrumentos de concienciación social sobre a violencia nas súas diferentes facianas.