Skip to main content
Barreiros

O PP denuncia que hai rúas en Benquerencia sen alumeado público

Por 19 Outubro, 2023Sin comentarios

Os veciños de San Pedro de Benquerencia levan uns dez días sufrindo problemas co alumeado público, existindo zonas nas que o servizo non se presta dende hai máis dunha semana. O voceiro do PP de Barreiros, José Manuel Gómez Puente, achegouse a esta zona “en canto tivo coñecemento deste problema” e comprobou como efectivamente hai deficiencias co alumeado público.

Explica José Manuel Gómez Puente que se achegou á rúa Sarxéndrez e a varias rúas da contorna e comprobou “como non hai ningún tipo de iluminación pública”. Ademais da rúa Sarxéndrez, hai outras zonas, como as proximidades da praia de Fontela, nas que tampouco funciona o alumeado público. Deste xeito, Gómez Puente asegura que descoñecen os motivos “de que haxa moitos farois sen luz, se non reciben subministro eléctrico ou as lámpadas están fundidas”.

Os populares denuncian unha inacción por parte do Concello. “A realidade é que hai un déficit de alumeado dende hai máis dunha semana o que pon de novo de manifesto o deixamento do goberno local de Barreiros por solucionar os problemas reais e diarios dos veciños xa que a falta de alumeado o que provoca é unha sensación de inseguridade importante”, denuncian.

Neste sento, dende o Partido Popular de Barreiros solicitan ao Goberno local que axilice a renovación da iluminación en rúas con déficit de alumeado porque “non é de recibo que haxa rúas con mala ou escasa iluminación”.