Skip to main content
Burela

Airiños da Freba actúa na Casa da Cultura de Burela o 21 de outubro

Por 20 Outubro, 2023Sin comentarios

O vindero sábado 21 de outubro o Auditorio da Casa da Cultura de Burela acollerá o concerto do Grupo Airiños da Freba, dentro da programación cultural da Delegación Municipal de Cultura.

A actuación dos galardoados nos Premios Martín Códax da Música 2022 na categoría de Música Tradicional comezará ás 19.00 horas. Os lugueses achegan unha divertida viaxe no tempo pola súa provincia, concretamente aos anos 30, 40 e 50 do século pasado, cando quintetos, diversos conxuntos e orquestinas amenizaban as nosas festas.

Trátase duha proposta de música tradicional de Lugo para bailar e lembrar con saudade aquelas festas de roupa amidonada, de iluminación con luz de gas ou aquelas ringleiras de bombillas no campo da festa.

O sexteto conta con máis dunha década de historia e cun repertorio orixinal, baseado en recollidas propias e investigacións, co fin de aportar frescura a quen o escoita, pero tamén transmitir a sensación de que aínda queda moito por descubrir do noso inmenso patrimonio musical.

Ás súas costas teñen dous discos publicados. O máis recente, Con grelos, é un mañuzo de pezas apañadas polas hortas lucenses, que dan boa conta da riqueza do patrimonio etnomusical, no que tamén inclúen a emigración a Barcelona e á Arxentina.