Skip to main content
Ribadeo

O alcalde de Ribadeo anuncia que se suspenden algunhas das actividades desta fin de semana

O Concello de Ribadeo suspende algunhas das actividades de carácter público previstas entre hoxe e o vindeiro domingo, 15 de outubro, por mor do importante incendio que lle está a afectar a Ribadeo.

Así, aclara que os mercados da fin de semana, tanto o do sábado como o do domingo, vanse celebrar con normalidade na contorna da praza de abastos, pero suspéndense as actividades paralelas programadas para o 15 de outubro, día da labrega.

O alcalde, Dani Vega, que di que “con ocasión do importante incendio forestal que se produciu na tarde de onte e que afecta de xeito moi importante á zona rural en diferentes parroquias no termo municipal, de acordo con canto se dispón no artigo 21.1 m) da vixente Lei 7/1985, de 2 de abril reguladora das Bases de Réxime Local quedan suspendidas todas aquelas actividades de carácter público previstas durante o día de hoxe e as previstas para o sábado 14 e domingo día 15 de outubro de 2023, sinalándose as Festas do Santo Cristo, as competicións de carácter deportivo, a actividade do mercado dos sábados e domingos no recinto da Praza de Abastos e a presentación do Libro En Branda prevista na Casa da Cultura”.

O Bando tamén recolle que “igualmente, disponse ao estrito cumprimento da vixente Ordenanza para a prevención de incendios forestais e a salvagarda das condicións de limpeza, ornato, salubridade e seguridade dos terreos pola que se regulan as plantacións arbóreas, as obrigas de xestión de biomasa e os usos do lume no solo urbano, de núcleo rural e urbanizable do Concello de Ribadeo, publicada no Boletín Oficial da Provincia de Lugo núm. 129 de 7 de xuño de 2018”.

O rexedor tivo palabras de agradecemento para a veciñanza e para o persoal das diferentes institucións polo seu apoio nas labores de extinción do lume. “Agradecer do mesmo xeito a todos cantos veciños e veciñas así como ao persoal das distintas institucións que acudiron á prestar o seu apoio incondicional nas labores de extinción e tamén a todos cantos se personaron de xeito voluntario e altruísta no pavillón polideportivo municipal para ofrecer calquera tipo de colaboración para coas persoas que necesitasen atención inmediata”.