Skip to main content
Trabada

O PP de Trabada critica que a alcaldesa “non estea no día a día do concello para coñecer os problemas dos veciños”

Por 7 Outubro, 2023Sin comentarios

O voceiro do PP de Trabada, José María Fernández, denuncia a campaña de “lavado de imaxe” que está a realizar a alcaldesa do municipio “debido a que sempre está ausente e por iso ten que facer estas xuntanzas coa veciñanza para coñecer as súas necesidades”.

José María Fernández pregunta á alcaldesa se “realmente vai atender as peticións dos veciños das parroquias ou van caer en saco roto como todas as súas promesas electorais, das que non cumpriu nin a primeira”.

Dende o PP de Trabada explican que “nós si que coñecemos os problemas reais dos veciños” e o que eles queren é que se arranxen as estradas, sobre todo as provinciais, as concentracións parcelarias, vivendas de protección oficial, e un polígono industrial.

En cambio, a alcaldesa fala de facer un auditorio en Trabada: “non poñemos en dúbida de que sexa unha boa inversión, pero a realidade é que non é o que reclaman os veciños”. “Se repasamos todos os seus anos como alcaldesa ninguén pode poñer en dúbida que non trouxo nin un só investimento importante a Trabada”, lamentou, sen esquecer que de todas as peticións que se realizaron publicamente por parte de asociacións veciñais e de comunidades de montes non atendeu ningunha.

José María Fernández esixe “traballo, rigor e seriedade” á alcaldesa xa que os veciños queren “feitos e ver como se solucionan os seus problemas, xa que os titulares e as fotos nos xornais son cousa dun día, pero non solucionan nada”.

O voceiro popular recorda ademais que o deber da alcaldesa é “estar no día a día do municipio e dos veciños” xa que en lugar de organizar este tipo de xuntanzas “debe ser ela a que estea a disposición dos veciños e se poidan achegar a ela para explicarlle os seus problemas e necesidades, pero a realidade é que non poden porque nunca está”.

Neste senso, dende o PP de Trabada recórdase que “no noso programa electoral levábamos como un dos compromisos manter xuntanzas veciñais semestrais, mantendo así un contacto estreito con toda a veciñanza para estar sempre ao tanto das necesidades existentes”.

Por último, José María Fernández denuncia a actitude da alcaldesa xa que agora presume de realizar este tipo de xuntanzas “pero non di que sempre se negou a ceder locais municipais cando se lle solicitaron dende o Partido Popular para facer reunións cos veciños ou asociacións”.