Skip to main content
Trabada

A alcaldesa de Trabada confía en que a investigación revele o responsable dos incendios

Por 20 Outubro, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, fai balance unha semana despois do lume que afectou a máis de 2.300 hectáreas de monte no Concello e a comarca.

Deste xeito, mostra o seu agradecemento a todos os que axudaron durante a situación: “Non podo estar máis agradecida con todos os que colaboraron para apagar o lume, un lume que estes últimos días se reavivou en varias zonas e que estivemos intentando apagar entre os veciños, persoal do Concello, axentes medioambientais, brigadas de bombeiros forestais e motobombistas, porque co forte vento que volvía a facer supoñía unha ameaza”, afirmou García Bermúdez.

Tampouco quixo esquecer a implicación “de todas as administracións, así como aos veciños de Trabada e concellos limítrofes que usaron tractores e cisternas para frear o avance do lume”, engade a alcaldesa.

No seu discurso tamén tivo presenza a Garda Civil e o personal do Concello que “despois dunha semana seguen enfriando zonas onde se reavivou o lume, de feito antonte fixémolo na zona do Castro e en Trabadela”, afirma.

Neste senso, fixo referencia á cancelación da súa axenda institucional: “Non puiden estar no pregón das San Lucas porque estiven coa veciñanza e os axentes ambientais, en coordinación co distrito forestal para guialos ata os puntos onde se reavivaba o lume, porque para min o máis importante é Trabada”.

“En momentos coma os que vivimos estes días é cando se mide a solidariedade dun pobo”, sostén Mayra García Bermúdez, quen confía en que a investigación “dea os seus froitos e poida caer o peso da lei sobre quen orixinou este dano tan grande á nosa comarca, e poder pouco a pouco volver á normalidade”.