Skip to main content
Trabada

A alcaldesa do Concello de Trabada pide axuda á Xunta para a rehabilitación integral do CEIP Celso Currás

Por 23 Outubro, 2023Sin comentarios

A alcaldesa do Concello de Trabada, Mayra García Bermúdez, trasladoulle ao conselleiro de Educación da Xunta, Román Rodríguez, “unha demanda da comunidade educativa de Trabada, xa que o inmoble que alberga o CEIP Celso Currás precisa dunha rehabilitación integral que mellore a súa eficiencia enerxética”.

Nunha carta dirixida ao conselleiro, a alcaldesa lembra que “como constatamos que no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica non se incluía ningunha mellora no noso centro educativo, dende o Concello de Trabada solicitamos unha axuda á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en marzo deste ano, ao abeiro da Orde do 9 de febreiro de 2023”.

Para iso, o concello contratou a redacción do ‘Proxecto de melloras da eficiencia enerxética no complexo educativo de Trabada’, subscrito en marzo de 2023 polo arquitecto técnico Jesús M. Gallo Vázquez e pola enxeñeira de Camiños, Canais e Portos, Irene Fernández Prieto, cun orzamento total de 199.920,50 euros.

“Con este proxecto pretendíamos levar a cabo o cambio da cuberta, que ten unha chapa grecada de aceiro galvanizado atornillada sobre placas de fibrocemento con amianto, pero esta axuda foi denegada”, engade García Bermúdez.

Ademáis, a alcaldesa sostén que “dende o Concello asumimos o mantemento do centro e entre outros, os gastos de subministro de enerxía eléctrica. Tamén ofrecemos ás familias os servizos de Madrugadores e Ludiseráns coa finalidade de aumentar a matrícula, xa que as familias dos últimos alumnos matriculados precisaban destes programas de conciliación laboral e familiar”.

“É polo que lle solicito que dende a Consellería que dirixe estuden a posibilidade de poder efectúar a rehabilitación integral deste inmoble, tendo en conta ademáis o estado das carpinterías exteriores e da fachada e do esforzo que facemos dende o Concello para manter servicios públicos de calidade no rural”, remata García Bermúdez.