Skip to main content
O Vicedo

A asociación Nordés organiza unha viaxe micolóxica a Monforte o vindeiro 21 de outubro

Por 15 Outubro, 2023Sin comentarios

A asociación mariñá Nordés organiza unha viaxe micolóxica a Monforte de Lemos para o vindeiro 21 de outubro. A proposta mestura a micoloxía, o bo xantar e o coñecemento do patrimonio cultural galego.

O autobús sairá ás 07.00 horas do Barqueiro, xunto ao bar Relojes, e uns minutos despois pasará pola casa de cultura do Vicedo. O micólogo J. L. Cuba será o encargado de guiar a todos os participantes durante a actividade e axudalos a identificar os diferentes cogomelos que atopen.

O xantar será no restaurante Trespés cunha variedade de pratos de gran calidade. Na parte final da viaxe, a partir das 17.00 horas, realizarán unha visita guiada, que vai incluída no prezo, ao Museo do Ferrocarril.

As cotas varían segundo se trate de persoas asociadas ou non asociadas. Para os socios ten un prezo de 35 euros con comida ou 10 euros sen ela. No caso das persoas que non forman parte da organización, terá un custo de 55 euros co xantar ou 30 sen incluír a comida.

Os interesados deben reservar antes do día 18 chamando ao 653 756 454.