Skip to main content
Viveiro

O Concello de Viveiro reunirase co presidente de Portos de Galicia para desbloquear proxectos para o municipio

Por 17 Outubro, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a tenente de alcaldesa, Miriam Bermúdez, conseguiron unha reunión co presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez Vidal. O obxectivo desta xuntanza é desbloquear varios proxectos importantes para o municipio sobre os que ten competencias o ente autonómico.

Despois de varios anos detrás dunha solución, o pasado mes de agosto o Goberno local solicitou ata tres veces e por escrito unha reunión co novo presidente de Portos de Galicia. Ao non obter resposta, Loureiro e Bermúdez desprazáronse persoalmente ata a sede do organismo en Santiago de Compostela.

A alcaldesa e a tenente de alcaldesa foron recibidas polo presidente e manterán unha reunión formal dentro de 15 días. “Agradecemos a súa receptividade e agardamos que a reunión sexa frutífera, xa que son temas e proxectos prioritarios para Viveiro, algún deles á espera dun acordo con Portos de Galicia desde hai anos”, aseguran Loureiro e Bermúdez.

Entre os temas a tratar nesa reunión, atópase a de conseguir a cesión de uso definitivo da explanada na que se atopa o antigo Casino de Viveiro, unha demanda que o concello mantén desde hai anos. Tamén o arranxo do firme do peirao de Viveiro, e o desenvolvemento dunha actuación de humanización da zona comprendida entre os núcleos de Viveiro e Celeiro, contemplando a creación dun carril-bici e un paseo peonil.

A súa vez, o Concello solicitou a Portos de Galicia e o Servizo Provincial de Costas unha reunión urxente para aclarar quen é o responsable de adoptar as medidas precisas para arranxar o muro de contención do Paseo Marítimo e a rampla de acceso á lamina de auga situada nas inmediacións da Ponte da Misericordia. O Servizo Provincial de Costas xa manifestara a súa disposición a reunirse, polo que o Concello está á espera de recibir unha resposta por parte de Portos de Galicia.