Skip to main content
Xove

Os estudantes de Xove xa poden solicitar as becas do Concello para o novo curso

Por 17 Outubro, 2023Outubro 23rd, 2023Sin comentarios

Dende este luns o alumnado de Xove xa pode solicitar as becas do Concello para o novo curso. Estas axudas, postas en marcha polo Goberno local, teñen por obxectivo sufragar os gastos derivados do material e pago das taxas ou prezos de quen se atope realizando estudos.

Neste ano a contía máxima destinada á prestación é de 45.000 euros. Deste xeito, as dotacións entréganse en función de 6 modalidades. Os que estean cursando estudos universitarios poderán recibir ata 1.200 euros, cunha contía mínima de 100 euros.

Para aquel alumnado que estea matriculado en ciclos formativos de especialidades que non existan en Xove, San Cibrao, Viveiro ou Burela destínanse 600 euros, cunha contía mínima de 100 euros.

Tamén se ofrecen bolsas para alumnos con discapacidade física ou psíquica que asistan a clases de educación especial ou a terapias de estimulación. Neste caso, a dotación é de 750 euros. Ademais, inclúense axudas para a compra de material escolar, dotando con 65 euros aos de preescolar, 60 euros aos de Primaria e ESO, 125 euros aos de Bacharelato e ciclos formativos, 1.200 euros para os doutorados e 500 euros para os estudantes de máster.

Os interesados deberán cumprir o requisito de empadroamento e residencia efectivo do núcleo familiar no Concello de Xove e en caso de independencia do solicitante requirirase o empadroamento e residencia efectivo persoal. O prazo de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 5 de novembro.