Skip to main content
Cervantes

Carme Aira pedirá no Parlamento a protección da igrexa de Cereixido, en Cervantes

Por 2 Outubro, 2023Sin comentarios

A Parlamentaria do BNG, Carme Aira, visitou a igrexa de Santiago de Cereixido no concello de Cervantes que conta cunha igrexa de magnífica presenza pola súa estrutura e tamaño, datada con anterioridade ao S. XV. Esta igrexa é un punto de referencia para toda a veciñanza de Cervantes que segue a ter a súa romaría e a poboación segue a usar.

“Na actualidade atópase en estado de abandono (pinturas desconchadas e retablos deteriorándose) ó igual que o cemiterio e a reitoral”, indican desde o partido.

Carme Aira anuncioulles á veciñanza que trasladará unha iniciativa ao Parlamento Galego para reclamar a protección deste ben patrimonial.

A través desta iniciativa o BNG instará ó goberno da Xunta a que atenda as peticións de restauración integral e mantemento posterior da Igrexa de Santiago de Cereixedo que a veciñanza ten solicitado.

“Solicitaremos que este ben sexa declarado BIC que sería o primeiro paso para que se protexese”, engadiron e explicaron que nunha visita feita a Cervantes o conselleiro de Educación, Cultura e Universidades prometeu levar a cabo reparacións nesa igrexa. “O conselleiro de Educación, Cultura e Universidades ten que cumprir unha promesa que lle fixo á veciñanza e que parece non recordar” sinalou Aira.