Skip to main content
Friol

Abre no Centrad a mostra de instrumentos medievais

Por 26 Outubro, 2023Sin comentarios

O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro inaugurou esta tarde no Conservatorio de Música Xoan Montes a mostra “A memoria do son”, con réplicas de instrumentais medievais do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A exposición, cun formato itinerante pensado para ampliar a difusión deste patrimonio musical, inclúe unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir de representacións escultóricas destes instrumentos en lugares emblemáticos como o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez ou dos datos recollidos en distintos documentos literarios e históricos como o os manuscritos das Cantigas de Santa María de Alfonso X.

No último ano e medio, expúxose nunha trintena de localidades de Galiza e mesmo noutros puntos do Estado e, coa inauguración de hoxe, inicia unha itinerancia coa que se pretende chegar aos conservatorios de Galicia.

O vicepresidente Efrén Castro sinalou que “os conservatorios e as escolas de música son os escenarios idóneos para poñer en valor este patrimonio musical, que é parte dunha colección de instrumentos medievais das máis importantes de Europa”

Ademais das reconstrucións de instrumentos medievais, a mostra inclúe propostas interactivas, como un salterio no que as persoas visitantes poden interpretar melodías de cantigas de Afonso X e Martín Códax. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado- que incorporan os contidos da exposición de forma lúdica.

A exposición conta cun catálogo, en catro idiomas, editado en papel pero tamén dispoñible para descargar, en formato pdf, na web cultura.deputacionlugo.gal, a través desta ligazón.