Skip to main content
Lugo

A área de Xuventude presenta as propostas para o que resta de ano

Por 7 Outubro, 2023Outubro 8th, 2023Sin comentarios

Un Coro Xoven, Sábados de Nordic Walking ou Cociñar os Mércores son algunhas das propostas que o servizo de Xuventude ofrece á mocidade lucense no último trimestre de ano.

Estas actividades, ás que se suman outras como a Esgrima ou Tardiñas de Batukear, forman parte dunha ampla programación que a concellería de Xuventude achegará nestes últimos meses do ano á rapazada co fin de promover un ocio saudable.

O edil responsable da área, Jorge Bustos, presentaba as distintas opcións lúdicas e deportivas que os mozos e mozas de 14 a 35 anos terán ao seu alcance no que resta de 2023.

“Dende outubro e ata que remate decembro reanudaremos clases de gran participación en edicións anteriores, como as de ioga, zumba ou pilates que se combinarán tamén con outras modalidades como as rutas de sendeirismo ou e-bike. Trátase de conxugar os intereses e demandas da rapazada local en torno a aqueles cursos que teñen moi boa aceptación coa incorporación doutras suxestións que nos realizan e que están máis relacionadas coas tendencias actuais”, afirmou.

Así, o concelleiro referiu que se afianzan tanto a Orquestra Terra – Nova como o Coro Xoven e que se ofrecen outras alternativas vinculadas á celebracións concretas do ano.

“Aproveitaremos as datas destas festas para organizar, por exemplo, un rastrexo nocturno o 31 de outubro, cheo de probas terroríficas e moi divertidas que se desenvolverán por toda a cidade. Pero tamén as clases de cociña nos permitirán, segundo a época do ano, afondar nos platos típicos de Samaín ou na gastronomía mexicana e mesmo aprender a preparar entrantes, doces e lambetadas de Nadal”, explicou Jorge Bustos.

O responsable de Xuventude aproveitou a presentación para anunciar tamén a organización, en colaboración co Colexio de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo, a acción Boca Xove, Boca Sana!, a través da cal a entidade impartirá unha serie de charlas para abordar cales son os problemas máis frecuentes na mocidade, como detectalos e que facer e nas que tamén ofrecerán nocións básicas de como interfire unha boca enferma no resto do corpo humano e viceversa, co fin de mellorar o coñecemento sobre o coidado bucal, tan importante para a nosa saúde”, indicou o concelleiro.

Igualmente, manteranse as Asesorías Xuvenís que son gratuítas e confidencias. A xurídica será os luns e mércores, de 19:30 a 21:00 horas, e a psicolóxica os martes e xoves, de 18:00 a 20:00 horas.

Antes de rematar, Jorge Bustos convidou á rapazada de Lugo a consultar a programación ao completo na páxina www.xuventudelugo.gal e tamén a apuntarse na mesma enviando un email á dirección formulario.xuventudelugo.gal ou poñéndose en contacto coa Casa da Xuventude.

“Dende hoxe queda aberto o prazo de inscrición e todas as actividades serán gratuítas, nunha aposta decidida do Executivo de Lara Méndez por facelas accesibles a toda a sociedade sempre pensando en favorecer a conciliación familiar e impulsar a participación e integración social das e dos máis novos dunha forma sa e produtiva”, concluíu o responsable de Xuventude.