Skip to main content
Lugo

A CEL presenta un proxecto para a posta en marcha de iniciativas de transformación tecnolóxica

Por 11 Outubro, 2023Sin comentarios

A través deste programa, con presenza en Galicia, Asturias e País Vasco, formarase soamente en Galicia a 1.300 directivos de pequenas e medianas empresas a fin de que lideren a súa transformación dixital.

A sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu hoxe a presentación de Generación Digital Pymes, un proxecto financiado a través de Fondos Next Generation UE que ten como obxectivo final facilitar a transformación dixital das pemes.

Venancio Salcines, presidente da escola de negocios ef Business School e CESUGA (Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia) – as entidades seleccionadas polo Goberno de España, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial para a posta en marcha do programa tanto en Galicia como en Asturias e País Vasco – foi o encargado de explicar os detalles dun proxecto que conta coa colaboración da CEL e a súa Escola de Empresarios en Lugo, localidade elixida como primeiro lugar para presentalo.

Ao acto de presentación interviñeron tamén a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación, José Tomé e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, ademais do secretario xeral da CEL, Jaime López, que subraiou que “a CEL colabora con iniciativas como esta buscando que ningunha empresa de Lugo se quede sin acceder aos Fondos Next Generation UE para dixitalización ou outros programas de apoio ao tecido económico”.

Generación Digital Pymes é un programa de formación en dixitalización híbrido, online e presencial, especificamente deseñado para directivos. Toda a información sobre o mesmo pode consultarse na web https://lugodigitalpymes.com/, na que tamén está aberto xa o prazo de inscrición.

Transformación empresarial

Venancio Salcines destacou na súa intervención que Generación Digital Pymes forma parte do “programa máis ambicioso de transformación empresarial da historia do país”, para o que se aposta primeiro pola tranformación dixital das pemes, nas que resulta imprescindible formar primeiro aos seus directivos, que estes “teñan unha cultura dixital ampla” que lles permita entender os retos desta nova realidade.

Así, a través de Generación Digital Pymes formarase a 1.300 directivos soamente en Galicia para que estean preparados para a seguinte fase de transformación dixital, na que se dotará ás empresas de axudas directas para implementar novas estratexias e procesos tecnolóxicos.

Colaboración institucional

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou deste programa que é un “exemplo de colaboración institucional” e lembrou que xa se destinaron 100.000 millóns de euros a proxectos de dixitalización como este a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia deseñado polo Goberno de España para canalizar os Fondos Next Generation da Unión Europea, e dos que “xa se beneficiaron máis de 25.000 empresas en Galicia, 4.000 en Lugo”.

Á súa vez, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, sinalou que “é unha satisfacción ver como xorden novas iniciativas que reforzan e amplían todo este traballo, co respaldo do Goberno do Estado, e da man do propio tecido produtivo, representado pola CEL, e de CESUGA”. Iniciativas que, segundo apuntou, “contribúen de maneira moi importante a fortalecer e a diversificar o tecido empresarial da provincia, a gañar competitividade e produtividade, a abrir novos mercados” e, por tanto, “a xerar máis riqueza e emprego”.

“Competir nos mercados globais esixe ás empresas unha actualización permanente das súas competencias dixitais, un proceso que resulta máis complexo para as pequenas e medianas empresas. Por iso, hai unha parte moi importante dos fondos europeos dedicados a este obxectivo”, destacou o Tomé Roca, que puxo o acento en que para ser efectivos “non basta con que os fondos europeos cheguen”, senón que “deben xestionarse con transparencia e con dilixencia, garantindo que chegan aos sectores que o precisan e que serven aos obxectivos para os que foron creados”.

A alcaldesa de Lugo destacou igualmente a importancia da colaboración público – privada para seguir avanzando en cuestións como a tranformación ecolígica e dixital, e subliñou que neste ámbito “Lugo ten feitos os deberes” con proxectos como o presentado hoxe ou Lugo Tranforma, fondo de inversión municipal a través do que xa se está apoiando a cinco proxectos onde os Tics son fundamentais.