Skip to main content
Lugo

O edificio Impulso Verde recibiu a visita dos arquitectos galegos

Por 20 Outubro, 2023Sin comentarios

O edificio Impulso Verde recibiu este venres a visita de membros do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) que puideron coñecer de primeira man as instalacións e características construtivas deste inmoble, o primeiro en España e un dos poucos no mundo en obter a certificación de proxecto FSC.

Esta visita celebrouse como clausura do curso “Introdución ás estruturas de madeira”, organizado polo COAG e a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) para promover o coñecemento en materia de construción e rehabilitación con madeira e a divulgación de obras exemplares. Así, ademais do Impulso Verde, tamén visitaron as instalacións de Madeiras Besteiro, divididos en dous grupos de 30 integrantes cada un.

Deste xeito, o Concello continúa a fomentar a utilización da madeira como elemento estrutural na construción, eixo tamén da estratexia de diversificación industrial do municipio, que se sustenta en valores medioambientais e que teñen o seu máximo expoñente neste inmoble, o primeiro edificio público construído con madeira de Galicia e un referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.

O Impulso Verde cumpre, a través das numerosas visitas que recibe, coa súa importante función didáctica como expoñente do modelo de cidade que lidera a alcaldesa Lara Méndez. Un proxecto, clave na educación e na concienciación cidadá para avanzar na configuración de urbes máis fortalecidas ante o cambio climático.