Skip to main content
Monforte

O Concello de Monforte financiou os traballos de restauración do retrato do Cardeal Rodrigo de Castro

Por 5 Outubro, 2023Outubro 6th, 2023Sin comentarios

Representantes do Concello de Monforte, xunto co director do Colexio dos PP Escolapios, Pablo Blanco, deron a coñecer os traballos de restauración do retrato do Cardeal Rodrigo de Castro, que forma parte da colección de arte da Pinacoteca do colexio.

Os traballos de restauración do cadro, que é un retrato de corpo enteiro, foron financiados integramente polo Concello de Monforte, cun investimento de 3.643,92 euros. Neste senso, o alcalde, José Tomé Roca, explicou que “no pasado ano 2022, representantes da Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga solicitaron axuda para restaurar este importante retrato, petición que atendemos dentro da nosa aposta decidida pola arte e pola cultura da nosa cidade”.

José Tomé xustificou a necesidade de apoiar esta restauración xa que, “xunto co VII Conde de Lemos, o Cardeal Rodrigo de Castro Osorio é unha das personaxes máis relevantes, importantes e influíntes dentro da historia de Monforte e de España. A el debemos a construción deste Colexio de Nosa Señora da Antiga. Polo que levar a cabo a restauración do retrato que temos del na Pinacoteca deste Escorial Galego, está máis que xustificado”.

O director do Colexio foi o encargado de explicar os aspectos máis técnicos da restauración, que o alcalde resumiu en tres liñas de actuación “a reparación do lenzo, a limpeza da pintura e a mellora do bastidor que suxeita o cadro”. En definitiva, “unha minuciosa restauración moi necesaria porque, gracias a ela, o retrato do Cardeal recupera todo o seu esplendor e volverá a ocupar o lugar destacado que se merece dentro desta pinacoteca, e dentro do colexio que el ordenou construír a imaxe e semellanza do Escorial español. E recuperamos parte da nosa historia que é moi rica”.

José Tomé concluíu animando a “todos os monfortinos e monfortinas, así como as persoas e turistas que nos visitan, a visitar esta Pinacoteca na que poderán dende hoxe redescubrir este magnífico retrato do Cardeal Rodrigo de Castro, e admirar de paso outras das obras máis coñecidas que albergan como son os dous lenzos de El Greco ou os cadros do italiano Andrea del Sarto”.

Para acometer estes traballos, foi asinado un convenio de colaboración para a restauración entre o Concello de Monforte e a Fundación Colegio Nuestra Señora la Antigua, mediante o cal o Concello sufragou os traballos de rehabilitación do cadro, cun investimento de 3.643,92 euros.

Tras a presentación desta restauración, o alcalde asinou no Libro de Honra do Colexio Nuestra Señora la Antigua.