Skip to main content
Monforte

O goberno local de Monforte repartirá 253 composteiros para as persoas que o soliciten

Por 7 Outubro, 2023Outubro 8th, 2023Sin comentarios

O goberno local de Monforte vén de dar a coñecer o novo Plan de Xestión da materia orgánica do Concello de Monforte, que “contará fundamentalmente con dúas liñas de actuación, unha que achegará unha solución para a zona máis urbana e outra que contemplará un servizo para todas as vivendas que contan con parcelas e hortas, tanto no centro urbano como nas diferentes parroquias do noso Concello”, explicou a tenente de alcalde, Gloria Prada.

A través do desenvolvemento destas dúas liñas de actuación “desde o Concello de Monforte facilitaremos a todos os nosos veciños os servizos e os medios necesarios para que poidan separar adecuadamente os residuos orgánicos que xeran nos seus fogares”. Ademais, o Plan tamén engloba os chamados “grandes produtores”, os supermercados, restaurantes, centros de saúde ou outros organismos que xeren grandes cantidades deste tipo de residuos orgánicos.

Gloria Prada explicou que o desenvolvemento deste plan está fundamentado na Directiva 2018/851 do Parlamento Europeo, aprobada o 30 de maio de 2018, pola que, “en relación cos chamados Biorresiduos ou Residuos Urbanos, establece que os Estados membros garantirán, como moi tarde o 31 de decembro de 2023 que devanditos biorresiduos ou ben se separen e reciclen en orixe, ou ben se recollan de forma separada e non se mesturen con outro tipo de residuos”.

Esta directiva europea, ten a súa transposición en España a través da Ley 7/2022 de residuos y suelos contaminados, vixente desde o 9 de abril de 2022, e tamén foi desenvolvida pola Xunta de Galicia a través da Lei 6/2021 de febreiro, de residuos e chans contaminados de Galicia.

Fomento da compostaxe individual na zona rural

A liña de actuación de fomento da compostaxe individual para aquelas vivendas que conten con parcelas ou hortas, tanto no casco urbán como nas distintas parroquias do Concello, comezará a desenvolverse xa.

En concreto, Gloria Prada anunciou o reparto de composteiros de 300 litros para aqueles que o soliciten e que teñan unha parcela ou finca cun mínimo de 25 metros cadrados e tamén se lles entregará un kit de compostaxe formado por un manual onde se explicará como levar a cabo o proceso de compostaxe dos residuos orgánicos e un cubo de 40 litros no que recoller os residuos en casa e poder transportalos ata o composteiro.

Para esta campaña, “dende o Concello poñemos a disposición dos veciños un total de 253 composteiros, cos seus correspondentes kits, co obxectivo de que poidan producir un abono de calidade e colaborar a mellorar a xestión do lixo no noso concello, dando unha segunda vida a eses restos orgánicos que volven á terra como un perfecto exemplo de economía circular, e contribuíndo así á conservación do Medio Ambiente” subliñou a tenente de alcalde.

Para participar neste programa e poder optar á recepción dun composteiro os solicitantes terán que estar censados en Monforte de Lemos e que a leira ou terreo no que vaian instalar este composteiro se sitúe no termo municipal de Monforte de Lemos, con, polo menos, 25 metros cadrados de superficie.

Neste senso, Gloria Prada explicou que “é necesario que o sitúen dentro do noso Concello, porque unha vez lles sexa concedido o composteiro, este seralles entregado na súa propia vivenda, momento en que un mestre compostador axudaralles a montalo, e daralles as indicacións precisas para o seu bo uso”.

Outro dos requisitos necesarios para optar a este composteiro é que os usuarios teñen que comprometerse a utilizar adecuadamente devandito composteiro, xa que, unha vez entregados e postos en marcha, levaranse a cabo visitas de seguimento dos mesmos para certificar o seu correcto uso así como solucionar dúbidas que poidan xurdir.

Compromiso do Concello

A tenente de alcalde avanzou que, no eido urbano, o equipo de Goberno está ultimando os detalles dun plan de recollida de residuos orgánicos. Porén, dado que aínda non están pechados todos os aspectos desta campaña urbana, esta será dada a coñecer nas vindeiras semanas.

Coa posta en marcha do Plan de Xestión da materia orgánica do Concello de Monforte, o obxectivo do equipo de Goberno é “reducir a xeración de residuos, posto que a fracción orgánica, é dicir, os restos de comida que orixinamos nas nosas vivendas, constitúe case a metade do contido da nosa bolsa do lixo. E a través da liña de compostaxe doméstica, a produción de compost conleva a redución da materia orgánica que se deposita nos contedores e cubos de basura, e permite obter un abono natural e gratuíto”.

Por este motivo, Gloria Prada animou aos veciños de Monforte a participar nesta primeira liña do Plan de Xestión da materia orgánica do Concello e indicou que a previsión dende o Concello é ir repartindo os composteiros a medida que se vaian solicitando, e unha vez que os técnicos municipais comproben que os solicitantes cumpren cos requisitos requiridos.

“Animamos a todos aqueles interesados en obter un compost natural que sirva de abono ás súas hortas e plantas, que soliciten un dos 253 composteiros que desde hoxe ofrecémoslles de forma gratuíta para que así contribúan, a través dunhas boas prácticas ambientais, a lograr unha cidade máis limpa e saudable para todos e todas”, sentenciou Prada.