Skip to main content
Monforte

A Pladesapu denuncia que a área de medicina interna “abre as súas portas cunha capa de pintura branca”

Por 9 Outubro, 2023Outubro 10th, 2023Sin comentarios

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da área sur de Lugo denuncia que “case non se fixeran melloras na área de hospitalización de medicina interna do hospital de Monforte durante o verán”.

“Esta zona do hospital, que estivo pechada dende a segunda quincena de xuño ata o día un de outubro, abriu as súas portas sen ningún tipo de mellora nas súas instalacións, a pesar das 14 longas semanas que tiveron as vinte sete camas coas que conta inutilizadas”, explican.

Así, a xerencia do centro argumentou a comezos do verán que o peche era xustificado, xa que baixaba o número de pacientes desta especialidade, ademais de que aproveitarían para facer obras, pero despois dun verán con pacientes de medicina interna ingresados incluso na planta de maternidade, pois as vinte oito camas da planta de especialidades eran claramente insuficientes para estos doentes, “Medicina interna abre as súas portas cunha capa de pintura branca nas súas paredes. Nada máis”, denuncian desde a Pladesapu.

A Plataforma insiste en que a única e verdadeira razón do peche de Medicina interna foi “a redistribución do persoal deste servizo polo hospital para cubrir vacacións e aforrar así contratar persoal externo”. Esta situación, sosteñen, contribuíu á sobrecarga das outras áreas de hospitalización, a sobrecarga do persoal e sen obter ningún tipo de beneficio a cambio.