Skip to main content
Monforte

Monforte conmemorou o Día da Saúde Mental nun acto promovido pola Asociación Albores

Por 11 Outubro, 2023Outubro 12th, 2023Sin comentarios

Diversos membros da Corporación Municipal participaron no acto de conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, organizado pola Asociación Albores. O acto contou coa lectura dun manifesto a cargo da presidenta de Albores, Delia Guitián, baixo o lema deste ano “Saúde mental, saúde mundial. Un dereito universal”, lema que reivindica a saúde mental como un dereito humano universal.

Tras a intervención institucional, tivo lugar a inauguración da Exposición Fotoxénica-Mente VI e a presidenta de Albores procedeu a convocar o VII Certame Fotoxénica-Mente. O acto pechouse cun concerto.

O Concello de Monforte apoia o traballo de asociacións como Albores, polo seu traballo e esforzo, que contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidades mentais así como ás súas familias.

Neste senso, o compromiso do alcalde, José Tomé Roca, e o equipo de Goberno coas problemáticas sociais é unha das liñas de traballo da súa acción de goberno.

Saúde mental como un dereito humano universal

Este dereito, tradúcese en dúas vertentes, tal e como indica o Manifesto deste ano. Por unha banda, o dereito ao benestar e á participación nunha sociedade respectuosa coa saúde mental; que ofreza confianza no canto de discriminación, comprensión no canto de exclusión, e paz no canto de miseria.

Doutra banda, e tendo en conta que se experimentou un problema de saúde mental, o dereito a un modelo rehabilitador universal, que profunde no potencial das persoas e na súa proxección social, de tal maneira que a desilusión se converta en esperanza.

De aí que a Asociación Albores Saúde Mental, así como outras entidades de saúde mental de Galicia leven a cabo distintas accións para visibilizar esta problemática e incidir na necesidade de traballar na información e prevención así como nos dereitos das persoas afectadas por esta problemática.