Skip to main content
Monforte

O Concello de Monforte amplía en 50.000 euros o investimento dedicado ao SAF para melloralo

Por 15 Outubro, 2023Outubro 16th, 2023Sin comentarios

O goberno local de Monforte vén de ampliar orzamentariamente en 50.000 euros o investimento no contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), en concreto na modalidade de dependencia co fin de axudar a persoas en situación de gran dependencia e dependencia severa, “xa que dende o Concello estamos moi preocupados por mellorar as servizos a estas persoas, preocupación que a Xunta non manifesta”, destaca a tenente de alcalde, Gloria Prada en nome do alcalde.

A vista das necesidades que se dan no servizo, especialmente nos grados de gran dependencia e dependencia severa, explica Prada que o alcalde foi sensible con estes usuarios e “dentro da nosa acción de goberno, na que poñemos por diante ás persoas, decidimos reforzar economicamente o servizo, e solicitarlle á Xunta as horas pertinentes, xa que é o organismo que ten as competencias para concedelas”, sinala Prada.

Deste xeito, con este novo investimento de 50.000 euros, o Concello incrementará en 840 horas por mes o servizo de dependencia que ofrece a través do SAF. A previsión aproximada será a atención de 15 persoas grandes dependentes e dependentes severos, que actualmente están en lista de agarda.

Melloras que se acadarán

“O obxectivo é atender ós grandes dependentes e ós dependentes severos, e ademais de prestarlles a atención que merecen, queremos apoiar as persoas coidadoras facilitando o respiro familiar e reducir a situación de sobrecarga que habitualmente existe.”

A concelleira subliñou que a intención do goberno é “tentar desconxestionar a lista de agarda existente, axilizando o proceso de alta e reducindo o tempo de espera para o acceso ó servizo dun maior número de persoas en situación de dependencia que en moitos casos están sendo atendidos a través do servizo que o Concello dispón en libre concorrencia e como medida de apoio mentres non acceden polo sistema de atención á dependencia”.

Ademais, denuncian que, a pesar de que a Xunta de Galicia é a que ten as competencias en servizos sociais, e polo tanto no servizo de axuda no fogar, sen só destina 12 euros por hora, fronte as 19,12 euros á hora ordinaria e 21,98 euros á hora festiva que debe asumir o Concello. “Por iso, dende o Equipo de Goberno, consideramos necesario asumir este novo esforzo económico, para garantir un servizo axeitado e atender ás necesidades dos nosos usuarios”, destaca Prada.

Por outra parte, destacan a prevalencia de avanzada idade das persoas dependentes que figuran neste servizo e a necesidade indispensable de atención nas actividades básicas da vida diaria principalmente das persoas gran dependentes, configurándose o SAF como un recurso de apoio fundamental para favorecer a permanencia no contorno destas persoas así como unha medida de reforzo na atención e respiro para os seus coidadores.

A Xunta de Goberno do Concello de Monforte aprobou o luns 16 de maio de 2023 a adxudicación do contrato de Servizo de Axuda no Fogar á empresa Attende Care S.L por un importe de 5.513.724,58 € IVE incluído e un prazo de execución de tres anos.