Skip to main content
Monforte

Dúas iniciativas de Monforte, gañadoras no Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

Por 30 Outubro, 2023Outubro 31st, 2023Sin comentarios

Este sábado tivo lugar en Monforte de Lemos a presentación dos proxectos da IX Edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, na que resultaron gañadores dúas iniciativas de Monforte.

O xurado, tras avaliar a presentación dos proxectos, decidiu outorgar o primeiro premio e os respectivos 10.000 euros a Chorima Cosmética Atlántica, unha iniciativa da Estrada para obter extractos vexetais para uso no sector da cosmética, mediante a Extracción Asistida por Ultrasonido.

En segundo lugar, quedou Lamas Dulce, que recibiu 6.000 euros. Un proxecto de galletas decoradas personalizadas, que nace como promesa á filla da promotora. Co obrador de Monforte de Lemos pretenden outorgarlle un toque personalizado e exquisito a calquera celebración, entregando as galletas en man ou a través de envío por mensaxería.

O terceiro premio de 4.000 euros foi para Bikarte, outra empresa monfortina. Unha empresa de alugueiro de bicicletas con servizo de visitas guiadas a través dunha App que permite coñecer roteiros diferentes con contido cultural, patrimonial, artístico e natural. Con Bikarte pretenden posicionarse no mercado de Turismo Activo a nivel nacional e internacional e ser un referente de empresa sostible e responsable co medio ambiente na Ribeira Sacra respondendo á necesidade de mobilidade alternativa ao transporte motorizado tradicional.

Impulsar novas iniciativas

A entrega dos galardóns e dos diplomas a todos os finalistas fíxose despois da cea de confraternidade celebrada no Parador de Monforte, na que participaron o que fora Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, que desde o comezo apoiou este concurso empresarial; a Directora Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, Vicepresidencia da Deputación, alcaldes dos concellos que colaboran coa iniciativa e representantes das empresas e universidades que tamén a avalan.

Dende que botou a andar o concurso ten contribuído a impulsar máis dunha vintena de proxectos innovadores que dinamizan o medio rural e que, a partir do concurso, se converteron en realidade.