Skip to main content
O Saviñao

A estrada LU-P-5808 ao seu paso polo Saviñao está sendo mellorada pola Deputación de Lugo

A estrada provincial LU-P-5808, que une a LU-P-3202 coa LU-P-4102 por Valiñocobo, no Concello do Saviñao, xa está sendo mellorada grazas ao investimento de 100.000 euros da Deputación de Lugo.

O proxecto, adxudicado á empresa Fevisa Vías y Obras, consiste na reapertura de cunetas, limpando a maleza e o corremento de terras; na reparación do firme das zonas degradadas existentes a consecuencia do paso do tempo e do uso da vía; e, por último, na repavimentación, co que se mellora a seguridade e comodidade dos usuarios e usuarias nos primeiros 5 quilómetros da vía.

Esta actuación súmase á iniciada recentemente no Saviñao, coa que a Deputación renova o firme da estrada provincial LU-P-5807, que conecta os núcleos de Lamaquebrada con Montecelo, cun investimento de 60.500 euros. Deste xeito, a institución provincial destina para ambas vías en execución un orzamento total que ascende a 160.000 euros.

A mellora destas estradas beneficia ao sector turístico e vitivinícola da zona, pasando ademais por parte dela o Camiño de Inverno, así como ao sector gandeiro e agrícola. Son zonas que rexistran un gran volume de tráfico debido aos sectores económicos que abranguen.

A Deputación conta con máis de 4.200 quilómetros de estradas, a rede viaria máis longa de toda España e tres veces maior ca da Xunta en Lugo. O Saviñao suma máis de 130 quilómetros, repartidos en 26 vías. Nos últimos anos, a Deputación de Lugo investiu preto de 900.000 euros para a conservación, mellora e renovación das estradas provinciais neste concello da Ribeira Sacra.