Skip to main content
Barreiros

O PP de Barreiros critica o uso do aparcadoiro diante do centro de saúde

Por 7 Novembro, 2023Sin comentarios

Os concelleiros populares de Barreiros poñen de relevo a falta de interese da alcaldesa do BNG por solucionar os problemas do día a día da veciñanza, moitos destes atrancos enquistados dende hai meses.

O voceiro popular en Barreiros, José Manuel Gómez Puente, explica que os veciños do municipio sofren a diario diferentes problemas que “pode que de xeito individual non supoñan un gran atranco, pero que en conxunto dificultan o día a día dos barreirenses”.

José Manuel Gómez Puente explica que nas proximidades do centro médico hai un solar que se emprega como aparcadoiro público “pese a que dende o Concello de Barreiros defenden que é dun propietario privado”.

A realidade é que este solar emprégase como aparcadoiro dende hai moitos anos e “pese a que o goberno local defende que é dun propietario privado a realidade é que o Concello de Barreiros realiza diferentes traballos de mantemento”.

José Manuel Gómez Puente pide que “no caso de que o concello non negociase co propietario do solar, o goberno local debería ter a apertura de miras suficiente para dialogar co propietario e chegar a un acordo que permita poñelo en boas condicións” xa que coas inclemencias meteorolóxicas do inverno ponse en moi malas condicións.

Tamén sofren problemas para estacionar os veciños das vivendas sociais. Nesta zona é preciso pintar as prazas para aparcar “para garantir o correcto aproveitamento do espazo dada a escaseza de prazas para aparcar”.

ALUMEADO PÚBLICO

Se hai unhas semanas denunciabamos que os veciños da rúa Sarxéndrez e próximas sufrían os problemas de non contar co alumeado público en funcionamento, tamén se da esta circunstancia na rúa que vai dende a N-643 ata as vivendas sociais, na zona na que están o centro médico e o centro sociocultural.

Hai varios farois fundidos que levan varias semanas así “polo que é urxente corrixir esta situación e substituír as lámpadas ou detectar os problemas de funcionamento e corrixilos para dar seguridade aos cidadáns evitando as zonas escuras”.

José Manuel Gómez Puente é claro e contundente: “Non son cousas de onte. Son deficiencias que levan tempo sen solucionarse. Unhas semanas e outras meses, unha clara mostra do deixamento e falta de ganas de traballar dos concelleiros do BNG á fronte do Concello de Barreiros”.