Skip to main content
Barreiros

A alcaldesa de Barreiros traslada ao vicepresidente da Xunta a petición de colaboración nos servizos de abastecemento e saneamento

Por 20 Novembro, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, vén de dirixir un escrito ao vicepresidente da Xunta recollendo as declaracións realizadas polo mesmo na clausura da Asemblea Xeral da FEGAMP, onde manifestou a disposición da Xunta de Galicia para a colaboración cos Concellos.

A alcaldesa manifesta que “esta carta é unha chamada á súa boa vontade para facelo coñecedor  dunha demanda coa que o Concello de Barreiros leva anos e que lle foi xa trasladada en varias ocasións á conselleira de infraestruturas (a última delas hai poucas semanas mediante un escrito) e tamén neste verán ao propio presidente da Xunta, sen que, ata este momento, obtivéramos resposta algunha.”

Ana Ermida explícalle a situación dos servizos básicos en Barreiros, “fundamentalmente vinculados a un desenvolvemento non planificado que se levou a cabo sen o correcto sobredimensionamento dos servizos existentes para acoller a poboación flotante que soporta este concello en determinadas épocas do ano.”

Co fin de poder explicarlle máis pormenorizadamente a situación, así como obter resposta sobre posibles vías de colaboración do goberno da Xunta co goberno municipal en aras de mellorar os servizos que se prestan á veciñanza de Barreiros, a rexedora solicítalle unha xuntanza na que poidan participar as persoas responsables destes servizos no municipio para afondar nas actuacións de mellora que se poidan levar a cabo.

Ana Ermida finaliza o escrito “acreditando na súa vontade por traballar na colaboración coas entidades locais e, nomeadamente, coa que presido” para o que se pon á súa disposición para sinalar unha data na que poder manter unha xuntanza e trasladarlle toda a información que requira para obter a desexada colaboración interinstitucional.