Skip to main content
Ribadeo

Un banco de préstamo de material ortoprotésico ponse en marcha en Ribadeo

Por 18 Novembro, 2023Sin comentarios

Ribadeo pon en marcha o banco de préstamo de material ortoprotésico para que as familias que o precisen poidan contar con camas manuais ou eléctricas, andadores, cadeiras de bañeira e de ducha ou guindastres, segundo deron a coñecer o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Benestar Social, Elena Sierra.

O rexedor dixo que “desde o Concello estamos a investir cada vez máis na Concellería de Benestar Social, é dicir estamos a investir no benestar social das familias, das persoas do noso concello. E eu creo que é o máis importante, que é investir na persoa”.

Vega explicou que “este banco de préstamo ponse en marcha despois dun traballo moi importante e aquí hai que agradecerlles aos técnicos municipais da Concellería de Benestar Social toda o labor que fan. É impagable e hai que dicilo e hai que resaltalo. Trátase dun traballo constante e continuo en dedicación ás persoas. Estamos moi satisfeitos do traballo que se está a realizar desde esta Concellería. Tamén hai que resaltar o traballo que está a facer a concelleira Elena Sierra”.

Banco de préstamo para diversas necesidades

O alcalde subliñou que “este banco de préstamo conta cun equipamento, cun material que axudará a moitas persoas que o necesitan. Camas manuais, camas eléctricas, andadores, cadeiras de bañeira, cadeiras de ducha, colchóns antiescaras, guindastres e tamén varandas. Todos estes elementos cando hai unha persoa nunha familia que necesita este equipamento ten un orzamento elevado. Esas familias que o precisan teñen que saber o Concello de Ribadeo está nesa colaboración e nesa axuda e que se poden dirixir á Concellería de Benestar Social e solicitar ese equipamento necesario”.

Dani Vega manifestou que seguen investindo, traballando e colaborando coas familias porque “é importante que as veciñas e os veciños de Ribadeo sintan a administración local cerca cando máis se necesita”.

A concelleira de Benestar Social sinalou que “desde el Ayuntamiento de Ribadeo apostamos polo coidado a todas as persoas. Por iso estamos cada vez máis interesados en que todo o equipamiento chegue a todas as familias, subliñou Elena Sierra.