Skip to main content
Trabada

A alcaldesa de Trabada si que o orzamento 2024 reflexa “unhas contas realistas e un concello saneado”

Por 29 Novembro, 2023Sin comentarios

O Concello de Trabada aprobou en Pleno os seus orzamentos municipais para o ano 2024, lixeiramente superiores aos 1.730.000 euros e dos que destinará o 60% a políticas sociais e investimentos reais. “Unhas contas axustadas á nosa realidade e que cumpren coa estabilidade orzamentaria”, explica a alcaldesa, Mayra García Bermúdez.

En concreto, a terceira parte dos orzamentos destinarase a políticas sociais, como o Servizo de Axuda no Fogar “ou o financiamento, da man da deputación, do centro de atención aos maiores, ao que o concello destina 70.000 euros ao ano”, afirma García Bermúdez. As contas saíron adiante co único voto a favor do grupo de goberno socialista.

“O centro de maiores conta cun modelo de xestión que prioriza as persoas e a calidade asistencial”, engade a alcaldesa, que lembra outras partidas sociais, “como a do Punto de Atención á Infancia ou a dos programas de conciliación familiar e laboral”.

Por outra parte, “continuamos cunha contención nos gastos correntes en bens e servizos que nos permite adicar o 25% dos orzamentos a investimentos reais para arranxar inmobles municipais, renovar a rede de estradas e mellorar as nosas dotacións públicas, como os parques infantís e as instalacións deportivas”.

García Bermúdez apunta que “só temos 87.000 euros de débeda, similar á de calqueira familia, despois de anos de moito esforzo para solucionar a situación herdada do goberno anterior hai nove anos” e adianta que os orzamentos “entrarán en vigor o 1 de xaneiro”.

Nas últimas semanas, a alcaldesa mantivo reunións “para darlle participación á veciñanza, saber cales son as súas prioridades e dar resposta ás súas necesidades nos orzamentos, que deben ser unha ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”.