Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

“O importante é manter valores como a inclusión e a integración”

Por 26 Novembro, 2023Sin comentarios

O CB IES Sanxillao nace este ano co obxectivo de construir unha comunidade social que xire en torno ao baloncesto para dar a todos os seus alumnos a oportunidade de practicar unha actividade deportiva. Falamos con Álvaro Abuín, director técnico deste proxecto.

Como nace o Club San Xillao?

A idea nace o ano pasado, a raíz de que varios profesores e membros do equipo directivo do instituto estabamos buscando formas de mellorar o clima do centro, que non era malo, pero de darlle un pouco de melloría. E tamén que os rapaces puidesen usar o centro pola tarde e abrirlles a biblioteca para que viñeran a estudar, sobretodo coa idea de crear comunidade.

Unha das ideas que xurdiu, dado que eu tiña a formación e xa fora adestrador, foi abrir unha actividade de baloncesto. Así o ano paso comezamos como actividade extraescolar cos máis pequenos, os de primeiro ciclo, durante tres tardes á semana. A sorpresa foi que nós contabamos con dez ou doce nenos e nenas e apareceron corenta. A partir de aí os rapaces comezan a demandar competir, as familias comezan a implicarse e decidimos montar o club.

Como club nacemos este ano pero durante o ano pasado as familias xa comezan a traballar para que nos podamos dar de alta este setembro. Hai unha gran implicación tamén por parte do centro, de feito a directora é a presidenta do club e a vicedirectora e a vicepresidenta. Dentro da directiva tamén hai pais e nais, eu estou na dirección técnica a nivel deportivo e contamos con catro adestradores máis Marcos, Cris, Deme e Manu.

Con cantos equipos contan na actualidade?

Neste momento temos un cadete masculino e catro infantís, dous masculinos e dous femininos.

Cales son as dificultades coas que se enfronta un club de nova formación?

Pois principalmente toda a burocracia e todo o papeleo que hai que levar a cabo para poder dar de alta o club. A federación vota unha man pero non existe un protocolo de actuación para clubs novos onde estean indicados os pasos a seguir. Hai que ler moita documentación que está enfocada a clubs que xa levan anos e nós non contamos con ninguén no ámbito administrativo que sexa profesional.Tamén é moi difícil atopar adestradores, adestradores formados.

E despois temos tamén a traba da instalación, agora mesmo non contamos cunha instalación homologada e cando solicitamos ás institucións a reforma do pavillón ou nos dan largas ou nos derivan. Este é outro dos grandes problemas porque comezas con moita ilusión, intentando montar todo, financiando o material ata onde podes pero ao final a instalación é precaria. Gustaríanos que os rapaces puidesen adestrar en boas condicións e que nos partidos como locais non tivesen que ir a outras instalacións.

Cales son os obxectivos do club a curto e medio prazo?

Os nosos obxectivos principais son que os rapaces desfruten e aprenda baloncesto e fomentar unha cultura do deporte. Que comecen a ver a actividade deportiva non só como ocio senón que sexan capaces de comprometerse e que entendan que o deporte está moi vinculado coa saúde e coa prevención de futuros riscos. Temos proxectos para vincular o club e crear convenios con diferentes comercios da zona como nutricionistas ou fisioterapeutas que nos apoian e nos votan unha man.

A nivel competitivo non temos ningún obxectivo mais que os rapaces se esforcen e desfruten pero sen buscar resultados. E despois crecer, que todos os rapaces do instituto e arredores que queiran xogar con nós que poidan facelo.

Pero o máis importante para nós é manter os valores principais do club que son a inclusión e a integración. Somos un instituto con moita diversidade, tanto clínica como socioeconómica onde o vinte por cen dos nosos rapaces non pagan nada porque non poderían ter acceso a esta actividade se tivesen que pagar a cota. Estámonos dando conta que hai rapaces que querían xogar ao baloncesto, que están a facer baloncesto con nós, e que en outro club non sería posible. Isto é grazas tamén a que contamos con patrocinadores que asumen esas cotas e que nos axudan para poder saír adiante. Polo tanto traballar por un club inclusivo onde todos os pequenos poidan xogar ao baloncesto independentemente das súas condicións e o máis importante para nós.

Que tal foi a acollida por parte das familias?

Moi boa, moi moi boa. Temos unha directiva moi implicada e moitas familias que están moi ilusionadas. Estámonos atopando con nenos e nenas con moitísima diversidade que aquí encontran o seu oco para poder facer deporte, que están a gusto e se senten incluídos e iso as familias valórano moito.

Como traballades esa diversidade?

Intentamos utilizar metodoloxías orientadas a inclusión de nenos con TDH ou con trastornos do espectro autista e despois sobretodo incluíndo, fomentando a resolución de conflitos de maneira construtiva ou intentando non ser punitivos senón orientar á reflexión. A nivel socioeconómico ademais das becas a directiva está moi implicada e somos como unha familia realizando un gran traballo de apoio mutuo, compartindo e aportando a aqueles nenos que máis o necesitan.