Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

O Emevé dedicará o seu partido do sábado á loita contra a violencia de xénero

Por 22 Novembro, 2023Sin comentarios

O Club Voleibol Emevé Lugo presentou esta mañá o partido que dedicará este sábado 25N á loita contra a violencia machista. O encontro que as lucenses xogarán contra o Cajasol Vóley Dos Hermanas terá lugar ás 19:45 horas no Pavillón Municipal dos Deportes.

O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández felicitou ao Club lucense por visibilizar e reivindicar na pista un ano máis a violencia contra as mulleres. “Oxalá non tivéramos que estar aquí reivindicando unha sociedade sen violencias machistas porque iso significaría que esta lacra social estaría erradicada, pero a realidade é lamentablemente moi distinta”. Fixo fincapé que “o Emevé é un club que educa en valores, favorecendo a igualdade, pero tamén a leva á práctica, porque naceu sendo exclusivamente feminino e medrou dirixido por mulleres”.

O deputado resaltou a importancia de “seguir sumando esforzos e defender xuntos unha sociedade xusta e igualitaria na que tanto mulleres coma homes poidan participar libremente en todos os ámbitos da sociedade”. Así mesmo, trasladou durante o acto aos representantes do club deportivo que “nese camiño da educación en valores e na igualdade sempre teredes a man tendida da Deputación de Lugo, sobre todo porque estades en contacto directo cos colectivos máis novos, e é neles onde se centran as nosas maiores preocupacións xa que os datos da violencia machista son cada vez máis alarmantes en idades temperás, tanto en vítimas como en agresores”.