Skip to main content
Becerreá

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá incorporou un simulador de traballos forestais

Por 10 Novembro, 2023Sin comentarios

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Alta Montaña de Becerreá xa conta para este curso cun simulador de traballos forestais no que investiu 119.185 euros procedentes da Xunta de Galicia.

Este permite ao alumnado adestrar axeitadamente antes de empezar a usar a maquinaria no bosque. Ademais, incorpora distintos programas e  pode rexistrar os datos do usuario e os resultados do equipo.

Así, pódense combinar os programas de simulación para procesadora, autocargador e retroescavadora, experimentando en diferentes escenarios; mesmo se achega á  aparencia da contorna real de traballo seleccionando o terreo, a paisaxe e o tipo de árbore. Igualmente, posibilita a avaliación de distintos métodos de traballo para atopar os máis eficaces e rendibles.

O CFEA de Becerreá depende da Consellería do Medio Rural, en concreto da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e imparte dous ciclos de formación profesional: o ciclo medio de Aproveitamento e conservación do medio natural e o ciclo superior de Xestión Forestal e do Medio Natural. Tamén desenvolve unha ampla oferta de formación continua para profesionais do sector agropecuario.

O complexo conta con explotación cabalar, bovino e forestal, así como apiarios e campos de ensaio; recentemente realizáronse reparacións na cuberta de lousa do edificio principal, na zona situada sobre os despachos e o comedor, cun investimento de 128.400 euros.