Skip to main content
A FonsagradaBurelaFozMonforteRibadeo

Estudantes de cinco centros da provincia participarán nunha estadía nas rexións de Hauts-de-France e Bretagne co programa EduFrance

Por 5 Novembro, 2023Sin comentarios

Estudantes da provincia de cinco centros educativos diferentes participan neste curso en varios programas de intercambio entre Galicia e Francia

Así, está en marcha EduFrance, que mobiliza estudantes das rexións académicas Hauts-de-France e Bretagne, e e súmase Picasso Mob, un novo programa de intercambio entre alumnado de centros educativos galegos e da rexión académica Bourgogne-Franche Comté no que participarán seis estudantes galegos e outros seis de Francia.

Os centros da provincia que participarán na rexión académica Hauts-de-France son o IES Monte Castelo de Burela,o IES de Foz e o IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos. Os de Bretagne son o IES Plurilingüe Fontem Albei da Fonsagrada e o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo de Ribadeo.

O obxectivo destes intercambios escolares é propiciar o coñecemento mutuo das culturas e linguas de ambos países mediante a asistencia do alumnado a centros educativos e a convivencia en familias doutro país. A estratexia Edulingüe 2030 de Linguas Estranxeiras da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades promove este tipo de accións como chave para achegar ao alumnado galego a un contexto internacional real, tanto no ámbito académico como no da convivencia diaria.

No caso do programa EduFrance, serán arredor de 200 os alumnos de 3º e 4º de ESO e 1º Bacharelato de 20 centros públicos galegos que participarán nun intercambio cultural e lingüístico con alumnado de centros educativos franceses das rexións académicas Hauts-de-France e Bretagne, ambas no país galo.

Durante o período de intercambio, o alumnado galego participante –entre 10 e 15 escolares por cada centro– deberá asistir ás clases no lycée ou collège que lle fose asignado pola Région Académique correspondente e aloxarase na casa dunha familia francesa, e viceversa no caso da viaxe dos estudantes franceses en Galicia. A estancia do alumnado galego en Francia terá unha duración dun máximo de 10 días naturais e poderá desenvolverse en calquera momento do curso 2023/2024.

Os seis alumnos galegos de 1º de Bacharelato participantes no Picasso Mob proceden dos institutos IES de Arzúa, Canido (Ferrol), de Allariz, Johan Carballeira (Bueu) e de Rodeira (Cangas). Aloxaranse durante catro semanas nun domicilio dun estudantes francés, acudindo a clase ao seu centro de ensino.  En réxime de reciprocidade, acollerán no seu domicilio e no seu centro de estudos o alumnado francés.