Skip to main content
Lugo

Concello e Xunta comprometen a inscrición inmediata do PXOM para que entre en vigor

Por 2 Novembro, 2023Sin comentarios

Na reunión desta mañá acordouse a remisión, por parte do Concello, da memoria xustificativa que avala o cumprimento de todos os aspectos que antes da súa aprobación, condicionaron o informe favorable do Goberno galego.

O Concello de Lugo remitirá nas próximas horas ao Goberno galego a memoria xustificativa coa que se avalaba o cumprimento dos condicionantes sinalados pola Xunta no informe favorable para proceder á aprobación definitiva do 5% do PXOM.

Un documento que xa formaba parte do expediente municipal, ao que xa se facía referencia tamén no acordo plenario de aprobación definitiva do 5% do planeamento pendente, e que o ente autonómico, segundo trasladou no encontro celebrado esta mañá, quería que tamén se integrase no conxunto técnico documental do Plan Xeral de Ordenación do Municipio.

Durante a reunión, na que por parte do Concello estiveron presentes a tenente de alcaldesa de Urbanismo Sostible, Paula Alvarellos; o Interventor Xeral, Manuel Vázquez; a xefa do servizo de Arquitectura, Susana Penedo; o xefe do servizo de Urbanismo, José María González e o xefe da Asesoría Xurídica, Manuel Louzao, alcanzouse o acordo de trasladar nesta mesma xornada a devandita memoria para que, a continuación, a Xunta proceda á inscrición do PXOM no Rexistro de Planeamento de Galicia co obxectivo de que, por fin, poida entrar en vigor.

Do mesmo xeito, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convocou para esta mesma tarde unha Xunta de Portavoces co fin de dar traslado á Corporación municipal do abordado na xuntanza desta mañá.