Skip to main content
Lugo

Xuventude inicia unha serie de obradoiros de prevención de adicións para escolares

Por 3 Novembro, 2023Sin comentarios

A concellería de Xuventude pon en marcha unha programación municipal de obradoiros de prevención de adiccións no ámbito escolar, dirixida ao alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos do municipio. Así o avanzou o edil responsable da área, Jorge Bustos, quen subliñou que “como novidade este ano a Policía Local tamén se sumará a esta programación e contaremos coa súa colaboración para impartir un curso sobre educación vial e o consumo de substancias en relación ao manexo de vehículos”.

Neste senso, Bustos explicou que “os talleres, que se desenvolverán nos centros entre os meses de novembro a xuño, serán impartidos por educadores e psicólogos/as especialistas en prevención de adiccións e tratarán cuestións relacionadas coas adiccións con e sen substancias, a través de sesións con dinámicas sobre presión de grupo, toma de decisións, autoestima, resolución de conflitos, pensamento crítico, etc”.

Deste xeito, o edil convidou a participar a todos os centros interesados, podendo realizar as súas solicitudes a partir deste mesmo xoves e ata final de ano, a través do enderezo de correo electrónico prevenciondrogas@lugo.gal, no cal tamén se poderá resolver calquera dúbida ou aclaración, así como no teléfono 982 297 498. Os centros educativos que soliciten obradoiros deberán enviar unha breve ficha co número de grupos, alumnado e días preferentes, que se respectarán en función das solicitudes recibidas nesas datas.

“O curso pasado impartíronse 144 sesións de prevención, chegando a máis de 1.200 persoas de idades comprendidas entre 10 e 20 anos, facendo un total de 50 grupos distintos de 11 centros da cidade, ademais de intervencións noutros centros que traballan con menores do municipio”, lembrou o concelleiro.

Nesta ocasión haberá dous talleres novos: Programa de prevención unplugged, cuxo obxectivo é promover o desenvolvemento de habilidades como estratexia para afrontar as influencias sociais favorecedoras dos consumos; e o Obradoiro adiccións, educación vial e mocidade, que será impartido por técnicos municipais coa colaboración da Policía Local especializada nesta temática.

Completan a programación un o Curso de prevención de adiccións con e sen substancia Desconecta, con contidos relacionados co alcohol, o tabaco, os videoxogos, os xogos de postas ou as redes sociais; un Monográfico sobre o cannabis, vapeo e outras formas de consumo de tabaco, para aclarar conceptos e formar sobre a realidade destas substancias; e, finalmente o Obradoiro Dobre check, no que se traballarán cuestións como as referidas ás adiccións no século XXI, e a responsabilidade persoal, a comunicación efectiva ou as habilidades sociais e emocionais para a resolución de conflitos.

Dende o Servizo de prevención de drogodependencias e outras adiccións comportamentais do Concello, adscrito á área de Xuventude, tamén se porán en marcha talleres de prevención para familias, dirixidos a pais e nais de alumnado de todas as idades, co obxectivo de informar e sensibilizar ás familias sobre o papel educador de cara á prevención; así como charlas sobre substancias psicoactivas e adiccións tecnolóxicas e corportamentais. Os/as interesados/as poden solicitar máis información sobre estas iniciativas a través do mail prevencionfamilias@lugo.gal ou no teléfono 982 297 837.