Skip to main content
Lugo

A activista iraní Nilufar Saberi ofrecerá o xoves unha charla en Lugo

Por 6 Novembro, 2023Sin comentarios

Este próximo xoves 9 de novembro estará en Lugo, nunha xira de 3 días por Galicia, Nilufar Saberi, defensora dos Dereitos Humanos de Irán, da man de Amnistía Internacional Galicia. O roteiro conta con parada o día 8 en Coruña e Santiago e o venres 10 en Vigo.

Nilufar é unha activista de longa traxectoria e moi coñecida no noso país, xa que leva 40 anos vivindo en España, onde chegou coa súa familia como refuxiada sendo nena. Durante estas 4 décadas leva denunciando as violacións que se están a cometer no seu país, especialmente no tocante aos dereitos das mulleres e nenas. No seu tempo fundadora e máis tarde presidenta da Asociación Iraní Pro-Derechos Humanos, hoxe en día prefire dedicarse á divulgación de forma independente, como dan conta as súas colaboracións con organizacións como Amnistía Internacional, Medicus Mundi, Cultura de Paz, Culturas y Tierra e moitas outras.

Nely, como lle gusta que a chamen, abordará nestas charlas públicas en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo e Vigo, a problemática dos Dereitos Humanos en Irán dende a chegada ao poder de Jomeini e a súa teocracia islamista no ’79, así como a súa esperanza ante os cambios que se están a producir grazas ao movemento de Muller Vida e Liberdade.

Porén, non debemos esquecer a morte de Mahsa Amini estando baixo custodia policial hai pouco máis dun ano por non levar o veo posto. Do mesmo xeito, hai só unha semana, foi Armita Garawand quen morría no hospital tras 28 días en coma por motivos similares. Estas situacións de vulneración extrema dos Dereitos Humanos, como son as execucións sumarísimas que se seguen a producir no país, son os feitos sobre os que Nilufar e Amnistía Internacional Galicia queren poñer no centro do debate nestes encontros.

A cita en Lugo será ás 20.00 horas no patio do Vello Cárcere.