Skip to main content
Lugo

Arquitectos e aparelladores de Galicia coñecen as particularidades do Impulso Verde

Por 4 Novembro, 2023Sin comentarios

Arquitectos e aparelladores de toda Galicia coñeceron este venres as particularidades técnicas do edificio Impulso Verde, promovido polo Goberno de Lara Méndez na Garaballa, no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico. Esta visita enmárcase na celebración do Curso Superior de Xestores de Obras de Rehabilitación que promove a Fundación Laboral da Construción, co apoio do Consorcio de Santiago.

Obxectivo do mesmo é dar a coñecer aos alumnos e alumnas as particularidades das obras de rehabilitación de edificios protexidos, con formulacións de sustentabilidade e respecto patrimonial. O curso conta con 30 alumnos/as, na súa maioría arquitectos/as e aparelladores/as, aínda que tamén hai un construtor e unha restauradora.

Os participantes nesta formación solicitaron coñecer in situ o Impulso Verde por ser un edificio referente no ámbito da construción sostible. Durante a xornada tamén visitaron Pemade e as instalacións de Madeiras Besteiro.

Deste xeito, o Concello continúa a fomentar a utilización da madeira como elemento estrutural na construción, eixo tamén da estratexia de diversificación industrial do municipio, que se sustenta en valores medioambientais e que teñen o seu máximo expoñente neste inmoble, o primeiro edificio público construído con madeira de Galicia e un referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.

O Impulso Verde cumpre, a través das numerosas visitas que recibe, coa súa importante función didáctica como expoñente do modelo de cidade que lidera a alcaldesa Lara Méndez. Un proxecto, clave na educación e na concienciación cidadá para avanzar na configuración de urbes máis fortalecidas ante o cambio climático.