Skip to main content
Lugo

A Deputación achega 370.500 euros á USC pero con condicións

Por 21 Novembro, 2023Sin comentarios

O mandatario provincial urxiulle á Xunta de Galicia que cambie o decreto regulador dos campus periféricos, que ten xa 12 anos, e que “o adapte á realidade social e educativa actual para que o Campus de Lugo poida seguir mellorando e medrando”.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes no Pazo de San Marcos co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 370.500 euros á USC para seguir potenciando o Campus de Lugo.

Un acordo que, en palabras do mandatario provincial, “servirá para impulsar a excelencia formativa do Campus e para afianzar o carácter universitario da nosa provincia” con “actividades de investigación e transferencia de coñecemento, accións que poñen en valor os nosos recursos naturais e medioambientais, a potenciación do galego como lingua da comunicación e da divulgación científica, ou a mellora das infraestruturas universitarias”.

Nova Facultade de Formación do Profesorado

Neste sentido, o presidente concretou que no acordo contémplanse unha partida de case 135.000€ para a redacción do proxecto básico e de execución da nova Facultade de Formación do Profesorado, que se levantará en terreos que tamén cedeu gratuitamente a Deputación de Lugo o ano pasado. Son 7.500 m2 nunha parcela situada ao carón da Facultade de Humanidades.

Máis dun millón de euros ao ano

Subliñou José Tomé que o convenio asinado hoxe é unha “das numerosas liñas de colaboración que mantemos coa Universidade de Santiago, que no seu conxunto supera amplamente o millón de euros ao ano, e que nos sitúa como a Deputación de España que máis recursos económicos achega ás universidades públicas”.

Concretou que esta axuda se materializa, por exemplo, na Granxa Experimental de Leite, un laboratorio vivo do que non dispón ningunha universidade do Estado, e no que fan prácticas reais o alumnado de Veterinaria e de Enxeñería Agrónoma do Campus Terra; na cesión gratuíta dos terreos no que se sitúan as facultades, centros de investigación e servizos educativos do Campus, ademais da parcela para a nova Facultade de Formación do Profesorado; a programación de actividades culturais; ou o convenio que facilita ao alumnado da USC a realización de prácticas na Deputación.

O mandatario provincial incidiu en que a Deputación foi clave para crear o Campus de Lugo, e ségueo sendo “para manter, mellorar e ampliar a súa actividade”. “Cremos na educación pública, universal e de calidade, como ferramenta para garantir a igualdade de oportunidades, e cremos que o noso Campus é un dos grandes motores da provincia: pola propia actividade que xera a comunidade educativa na economía local, porque nos axuda a reter e a atraer talento; e pola transferencia de coñecemento e innovación ó tecido produtivo, sobre todo ao sector primario”.

“Estaremos vixiantes para que se manteñan as titulacións”

José Tomé mostrou a súa preocupación pola polémica xurdida nos últimos días en torno ás titulacións do Campus, e, con contundencia, advertiu que “a Deputación de Lugo estará moi vixiante na defensa práctica do Campus Terra”, vinculando a continuidade do convenio asinado hoxe -que, de feito, non figura como axuda nominativa nos Orzamentos do 2024- a que se manteñan as titulacións. Así mesmo, avanzou que o Goberno provincial levará unha iniciativa ao vindeiro Pleno, previsto para o próximo martes 28 de novembro, para reivindicar a permanencia de graos “emblemáticos” do Campus.

Con todo, expresou que a Deputación recibiu “con satisfacción a nova de que se manterá a oferta académica do noso Campus despois de días de incertezas. Sempre é preciso evolucionar e adaptar a formación para que sexa útil, pero dándolle prioridade á rendibilidade social e non a económica”. Engadiu que, a respecto disto, “a administración que ten en Galicia as competencias en educación, a Xunta de Galicia, ten moito que cambiar e que corrixir”.

“Asistimos a continuos recortes de profesorado, de centros e de ensinanzas, sobre todo no rural”, afirmou o presidente, ao tempo que cualificou estas políticas coma “un erro tremendo, pois canto máis servizos quita ou afasta a Xunta, máis xente marcha porque non ten recursos para facer aquí o seu proxecto de vida”. Polo tanto, dixo, “é urxente que a Xunta de Galicia cambie o decreto que regula o funcionamento dos campus periféricos, que ten xa 12 anos, e que o adapte á realidade social e educativa actual para que o Campus de Lugo poida seguir mellorando e medrando”, reivindicou. Xunto ao reitor declarou que, nese camiño, “a Universidade de Santiago sempre terá a man tendida da Deputación de Lugo para unir forzas, como fixemos ata o de agora”.