Skip to main content
Ribeira de Piquín

Pedro Blanco pon en valor os preto de 500 millóns de euros do Goberno para políticas de reto demográfico

Por 20 Novembro, 2023Sin comentarios

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor os preto de 500 millóns de euros que desprega o Goberno en Galicia para actuacións relacionadas coa loita contra o despoboamento do medio rural e o reto demográfico. Fíxoo durante unha visita ao concello de Ribeira de Piquín, na que estivo acompañado polo alcalde da localidade, Roberto Fernández; o alcalde de Vegadeo, César Álvarez, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, onde destacou o traballo sen descanso que fai o Goberno de Pedro Sánchez para que estes concellos teñan as mesmas oportunidades que o resto de municipios.

Pedro Blanco sinalou que este esforzo investidor sen precedentes tradúcese en iniciativas que dinamizan comarcas como a montaña lucense. Hoxe, en Ribeira de Piquín tivo ocasión de coñecer as instalacións de Forescelta para a produción de porco celta, que é unha realidade en parte grazas ao apoio do Goberno, que destinou máis de 500.000 euros para a súa posta en marcha. “Estes investimentos son unha boa mostra de que estamos a afrontar este desafío con feitos e non con boas palabras; feitos que teñen impacto nas vilas e parroquias de Galicia e cos que buscamos dinamizar a economía, xerar novos empregos e fixar poboación”, indicou o delegado.

Neste senso, salientou o papel dos concellos, a administración máis próxima á cidadanía, á hora de dar resposta aos problemas asociados ao reto demográfico. Pedro Blanco puxo Ribeira de Piquín como exemplo de cooperación e traballo conxunto entre administracións. “Desde o Goberno queremos garantir que veciños e veciñas como os de Ribeira de Piquín conten coas mellores infraestruturas, equipamentos e servizos públicos. Por iso, a través dos fondos do Plan de Recuperación, dixitalizaremos todo o municipio, achegando fibra de alta velocidade a 500 fogares/empresas” anunciou o delegado, “un exemplo máis do compromiso deste Goberno coa transformación do rural galego”.

Iniciativas empresariais

O centro de produción de porco celta de Ribeira de Piquín é unha das iniciativas que se están a desenvolver neste concello co apoio do Goberno, ás que tamén se suma a recuperación da antiga piscifactoría abandonada de Santalla para a produción de troitas ou a creación dun polígono con máis de 15 hectáreas de superficie alugadas aos veciños para a produción de kiwi en ecolóxico.

“Proxectos innovadores coma este, baseados na sustentabilidade, son fundamentais para o futuro de Galicia”, dixo o delegado, quen afirmou que o rural galego “non está hoxe só nin baleiro, xa que conta co respaldo do Goberno de Pedro Sánchez”.