Skip to main content
Bóveda

Os socialistas de Bóveda denuncian a situación do centro de saúde da localidade

O PSOE de Bóveda denuncia que o Centro de Saúde “leva toda esta semana sen ningún médico e tampouco conta con persoal de enfermería”, así o explicou a voceira municipal socialista, Carmen Macía, que lle urxe ao Sergas e ao Concello a que doten do persoal necesario a Atención Primaria da localidade, porque “esta situación é insostible no tempo, non podemos ter o núcleo de Bóveda sen atención sanitaria”.

Así, explica que “agora mesmo hai un médico substituto no Centro de Saúde de Rubián, pero no de Bóveda non temos ningún. É unha vergonza que a veciñanza teña que desprazarse cando se deberían cubrir as dúas prazas”, alerta a socialista.

Ademais, indica Macía que esta situación se dá co beneplácito do alcalde, que “unha vez máis, deixa ver como non lle importa o benestar da súa veciñanza e se prega aos intereses da Xunta de Galicia, sen dicir nada nin esixir o que nos pertence aos bovedenses”.

Din os socialistas que “nunca a atención sanitaria foi tan débil e nunca tivemos unha situación tan mala como a de agora. Antes aínda alternaban o médico substituto dalgún dos dous centros de saúde para atender a todo o municipio, pero agora nin iso: nin cobren os días libres dos médicos, nin vacacións, nin as baixas”, explica, ao tempo que engade “fanlle á xente desprazarse a Rubián, algo inexplicable”.

“É hipócrita que diga a Xunta que quere fixar poboación no rural cando non lle dá servizos públicos de calidade á xente”, afirma. A voceira pon sobre a mesa unha preocupante situación: “a nosa poboación cada día está máis envellecida, polo que precisa máis atencións e coidados, e a Xunta que nos dá? Menos médicos, centros de saúde sen persoal sanitario e mándanos facer quilómetros para recibir atención, cando moitas persoas carecen de carné de conducir e de medios para se desprazar”, explica a socialista.