Skip to main content
Monforte

O alumnado do IES A Pinguela participou dun Programa de Educación Ambiental en Cantabria

Alumnos e alumnas de 2º ESO do IES A Pinguela de Monforte participaron dun Programa de Educación Ambiental que organizou o Ministerio de Educación en Viérnoles (Cantabria).

Alí, compartiron actividades durante toda a semana cos do mesmo nivel do IESO Ciudad de Luna de Huete (Cuenca), cos que crearon fortes lazos de colaboración e amizade.

Nas actividades propostas, aprenderon a analizar egagrópilas, o bolo que regurgitan certas aves coma mouchos e lechuzas para desfacerse das partes dos roedores e outros pequenos animais que non son dixeribles, coma pelo e ósos. Así, o alumnado conseguiu recompoñer o esqueleto dos animais que se formaban a egagrópila.

Tamén aprenderon a identificar as árbores da contorna do centro de educación ambiental polas súas follas, pasaron unhas horas nun supermercado inglés simulado co que fixeron unha excelente actividade de inmersión lingüística e aprenderon como actuar para vivir con menos plásticos na súa vida.

Ademais, analizaron a calidade das augas dos regatos do entorno de Viérnoles, estudando a súa flora e fauna, que primeiro descubriron e despois analizaron. E realizaron postais con motivos vexetais, como follas, semillas, herbas ou similares. En pequenos grupos, foron facendo medicións e elaborando gráficas das variacións meteorolóxicas da semana.