Skip to main content
MonforteO SaviñaoPantónRibas de SilSober

Invístense 7,2 millóns de euros para impulsar a candidatura de 44 bens da Ribeira Sacra a patrimonio mundial da Unesco

Por 3 Novembro, 2023Sin comentarios

Co obxectivo de impulsar a candidatura de 44 bens da Ribeira Sacra a patrimonio mundial da Unesco, a Administración autonómica inviste 7,2 millóns de euros na súa conservación e posta en valor. Esta actuación amosa o compromiso con impulsar a súa candidatura á Patrimonio Mundial da Unesco, á vez que coa conservación do rico patrimonio cultural que pusúe Galicia.

“Levamos moito camiño andado e seguiremos traballando intensamente”, garantiu Rueda con respecto á consecución deste recoñecemento internacional. Por este motivo, no Consello do Goberno galego deuse conta dun informe que recompila a actividade feita polo Executivo autonómico desde o ano 2017 para estudar, mellorar, recuperar, rehabilitar e divulgar diferentes monumentos no marco da candidatura deste territorio a Patrimonio Mundial da Unesco.

Precisamente, o mandatario galego lembrou que co fin de relanzar esta candidatura, a vindeira semana o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil acollerá un importante congreso internacional que reunirá a expertos de todo o mundo e onde adiantou que se avanzarán detalles novos. Trátase dunha cita aberta ao público que se celebrará do 6 ao 8 de novembro e poderase seguir tanto de xeito presencial como telemático. Inclúe encontros, conferencias e mesas redondas, entre outras actividades.

Rueda explicou que desde 2017 a Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, 84 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, entre os que citou igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros.

Actuacións

No caso da provincia de Lugo, o presidente precisou que a Xunta leva investidos 5,2 millóns de euros para poñer en valor 32 bens patrimoniais dunha decena de concellos incluídos na Ribeira Sacra. Entre as 58 actuacións destacan exemplos como a restauración no mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, a actuación no colexio do Cardeal de Monforte de Lemos ou a rehabilitación da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao. Ademais, no eido da arqueolóxica, cómpre destacar a campaña recentemente rematada no xacemento romano de Proendos, no concello de Sober.

O presidente da Xunta garantiu que este compromiso continuará vixente o vindeiro ano grazas o incremento de 7 % nas contas destinadas ao patrimonio cultural galego ata os 10,4 millóns de euros, “dos que unha parte importante volverá ser tamén para os bens situados na Ribeira Sacra”, asegurou.

Trátase dunha suba dirixida a seguir coidando, preservando e mantendo a gran riqueza patrimonial nas mellores condicións e na que se inclúen as grandes liñas de traballo desta área como son o Plan Catedrais ou o propio Plan Ribeira Sacra, no que se inclúen estas actuacións.