Skip to main content
Axenda CaducadaLáncara

María José Silvar, Sés, é a gañadora do XXI Premio Ramón Piñeiro Facer País da Asociación Val de Láncara

A Asociación Cultural Val de Láncara vén de presentar a gañadora do seu XXI Premio Ramón Piñeiro Facer País, que recoñece o labor dunha persoa ou entidade galega a favor do desenvolvemento da comunidade. Así, a premiada foi a filóloga María José Silvar, Sés (A Coruña, 1982).

A Asociación Cultural Val de Láncara presentou no Consello da Cultura Galega (CCG) o seu fallo explicando que: “Traemos unha proposta rompedora e visceral, unha filla propia da terra e referente a seguir para moitos de nós” destacou Lucía Arrojo Vázquez, membro da asociación. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, sinalou o valor deste certame que “nace desde o propio pobo e que ten un meritorio carácter popular e participativo” .

Así, xustificaron a súa elección xa que consideran que Sés “cadra á perfección co perfil deste premio e destaca a súa postura clara de defensa da lingua e a cultura galega, aínda que tamén dende unha visión nova, rompedora, actual, feminista defensora de poetas e en especial poetisas combatendo as inxustizas sociais e de xénero, dándolle voz a quen a ten… combativa”, explicou Lucía Arrojo tras facer público o fallo que concede a Sés este popular galardón.

A entrega do premio terá lugar o vindeiro 18 de novembro no marco dunha xuntanza de confraternización que terá lugar en Láncara e na que a anterior premiada, Luz Fandiño, fará entrega do premio.

“Como sabedes, Sés puxo melodía a un poema desta poetisa chamado ‘A poeta analfabeta’, polo que pensamos que é un ano especial e un momento idóneo que permita pechar o círculo que existe entre ambas” destacou Lucía na súa intervención.

Pola súa parte, Xurxo Souto será o mantedor dun acto no que intervirán Xurxo Rodríguez, Luz Fandiño, a premiada e Marta Fernández, entre outro. O cartel, como en edicións anteriores, é de Siro.