Skip to main content
ChantadaParadela

O acto de clausura do Programa Integrado de Emprego celebrouse cos participantes en Chantada

Por 18 Novembro, 2023Sin comentarios

O Programa Integrado de Emprego que compartiron durante o último ano os concellos lucenses de Chantada, Pantón, Bóveda, Paradela, O Saviñao, Sober, Taboada e Carballedo e os ourensáns de Coles, A Peroxa e San Cristovo de Cea foi clausurado coa participación de 100 persoas, a maioría menores de 30 anos, aínda que tamén se inscribiron persoas desempregadas maiores de 45 anos, entre outros perfís.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou no peche da actividade, financiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 250.000 euros, e anunciou que o Goberno galego vén de conceder un novo programa de iguais características, dotada de 220.000 euros, para outros 100 participantes dos mesmos concellos -máis o ourensán de Vilamarín – no período 2023-2024.

Arias destacou o bo resultado desta actuación, que ten como reto principal incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas a través de accións de formación e asesoramento que lles faciliten a busca dun emprego.

Desenvolvemento do acto

Duranto o acto de clausura, abordáronse aspectos como as técnicas de coaching, a intelixencia emocional, as habilidades sociolaborais, as prácticas laborais ou o fomento do emprendemento.

Tamén cuestións prácticas como a elaboración de currículos e cartas de presentación, o rexistro en portais de emprego e os simulacros de entrevistas de traballo. Este ano, como medida innovadora incorporouse unha aula virtual.

Arias destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego e adaptar a formación impartida aos perfís profesionais que precisan as empresas.

Animou aos participantes a aproveitar a formación recibida e mesmo a explorar a vía do emprendemento. Nese sentido, explicoulles que a Xunta ofrece asesoramento próximo e personalizado a través das oficinas Conecta Lugo, impulsadas en colaboración coa Confederación de Empresarios en Monforte de Lemos, Lugo e Ribadeo; ou dos Polos de emprendemento como o de Monforte.