Skip to main content
Sarria

Os populares sarriaos piden que se mellore a estrada LU-P-5701 ao seu paso por Sarria

O PP de Sarria denuncia o estado da estrada provincial LU-P-5701, entre Sarria e Armea pasando por Céltigos, “unha vía de moito tránsito e que se deteriora continuamente; máis aínda agora na época de chuvias”, explican.

A estrada, comentan, ten numerosas fochancas, especialmente no núcleo de Céltigos, e isto “é motivo habitual de queixas por parte dos veciños e veciñas”, explican os concelleiros do Grupo Municipal Popular debido “non só á incomodidade de circular por ela, senón pola perigosidade que pode supoñer para os usuarios”.

Nese sentido, a portavoz dos populares, Carmen José López, pide tamén a implicación do alcalde como máximo representante do Concello para que, en nome dos veciños, esixa ao goberno da Deputación de Lugo mellorar a vía incluíndo a renovación do pavimento con aglomerado en quente, ademais da limpeza de cunetas e outros aspectos que sexan necesarios para garantir a seguridade dos usuarios.